EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Os viños do Ribeiro marídanse coa música do Coro da Rá en Compostela

Esta denominación ourensá desenvolverá diversas accións no marco do I Forum do Camiño de Santiago
Imaxe promocional desta acción do programa Enocións by Ribeiro.
Imaxe promocional desta acción do programa Enocións by Ribeiro.

Reflexar as emocións que abrollan durante a peregrinación a Santiago a través dos sentidos, “harmonizando disciplinas artísticas coa degustacióin dos viños”. Con este obxectivo poñíase en marcha meses atrás en Compostela o programa Enocións by Ribeiro. Dende entón téñense desenvolvido unha serie de sesións que supuxeron “un éxito e contaron coa música de Guadi Galego, as fotografías de Xurxo Lobato, a gastronomía de Pepe Solla ou o humor de Carlos Blanco, entre outros atractivos”, tal e como se apunta dende o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro.

Seguindo con este programa, o domingo 18 de outubro ás 18h. celebrarase unha cata extraordinaria xunto coa actuación de O Coro da Rá, que “será o broche do “Fairway, I Forum do Camiño de Santiago” (do 15 ao 18 de outubro) na Cidade da Cultura. Así terá lugar unha cata de viños das adegas Alanís, Cunqueiro e Ramón do Casar, cuxa presentación correrá a cargo do sumiller Luis Paadín.

“O Coro da Rá ambientará a enoción coa música e a diversión que lles acompaña desde 1993. Temas de música espiritual, rock, jazz ou blues serán o complemento perfecto para a selección de viños”, adiantan dende a D.O. Ribeiro.

As entradas para actuación e cata dos tres viños teñen un prezo de 5 euros e están á venda nas webs www.fairwaysantiago.com, www.ticketea.com e no propio Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, sede de Fairway, Fórum do Camiño de Santiago.

Por outra banda, os viños do Ribeiro estarán presentes en “Con queixo, pan e viño ándase o Camiño”, unha serie de catas no espazo enocultural Vide Vide!, tamén no marco do Forum do Camiño. E ademais, o venres 16 de outubro desenvolverase “O Camiño do Viño”, un evento moi especial de viños con tapas que terá como escenario a Capela do Parador Hostal dos Reis Católicos, de 19.00 a 21.00 horas, e no que tamén estarán presentes os viños do Ribeiro.

Artigos relacionados

Back to top button