EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Os viños lucenses da man de Paadín e Peñín, nunha xornada o 17 de xuño en Lugo

O programa inclúe unha conferencia ás 17h. no Salón de Actos de San Marcos a cargo destes dous expertos sobre viños da DO Ribeira Sacra e da IXP Terras do Navia. A partir das 18.30h na Sala de Exposicións, os asistentes, co acompañamento de dous sumilleres, poderán catar unha selección de máis de 100 viños

 

Dous referentes no mundo da enoloxía, Luís Paadín e José Peñín Santos, participarán na Xornada de Aproximación aos Viños da Provincia de Lugo celebrarase no Pazo de San Marcos de Lugo este venres, 17 de xuño. Será unha iniciativa promovida pola Deputación de Lugo en colaboración con Paadín Eventos.

Será unha xornada gratuíta, “na que buscamos promocionar os viños da nosa provincia, tanto os da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, como da Indicación Xeográfica Protexida Terras do Navia”, explicaba na presentación a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo de Lugo, Pilar García Porto, acompañada por Alejandro Paadín, coautor da guía de viños de Galicia. Incidiu en que esta é unha actividade “pioneira e única porque será a primeira vez que Luis Paadín e José Peñín Santos, dous nomes de tan recoñecido prestixio internacional, autores das guías de viños de referencia, no eido español e no eido galego, se unan por vez primeira nesta actividade para divulgar e visibilizar os caldos lucenses”.

Esta será ademais a primeira ocasión na que compartirán espazo os viños da DO Ribeira Sacra e da IXP Terras do Navia, polo que as persoas que se acheguen a este evento poderán gozar dunha experiencia única. Está dirixida tanto a profesionais do sector, como ao público en xeral, co obxectivo de que eles se convertan nos mellores embaixadores dos nosos viños, o que contribuirá, dixo García Porto, “a fomentar o consumo directo, e tamén a incentivar aos establecementos hostaleiros a ampliar a súa carta de viños lucenses ou propoñer novos maridaxes nos seus menús”.

A deputada recalcou que “o viño é unha industria cunha importancia intrínseca, que xera riqueza e postos de traballo, pero ademais, o viño é cultura, gastronomía, reclamo turístico, e un elemento fundamental á hora de dar a coñecer a identidade dun territorio dentro e fóra das súas fronteiras xeográficas”, e enfatizou en que para unha provincia como a de Lugo, “apostar por estes valores significa ademais apostar polo futuro do rural, porque o cultivo do viño é un xeito de ofrecerlle proxectos de futuro ás xeracións máis novas, xerar sinerxías co turismo e coa hostalaría, e contribuír a fixar poboación no territorio”.

 

 

Conferencia e túnel do viño

A conferencia será ofrecida por Luis Paadín e José Peñín ás 17:00 horas no Salón de Actos da Deputación de Lugo sobre os viños lucenses, a súa historia, características e produción. Luis Paadín é técnico en Vitivinicultura e Enoloxía pola Universidade de Vigo, membro da Federación Internacional de Xornalistas e Escritores do Viño e da Asociación de Sumilleres de Galicia Gallaecia, así como da Asociación de Lagares Rupestres de España. Padín é autor, xunto ao seu fillo Alejandro, da Guía de Viños, Destilados e Bodegas de Galicia.

José Peñín Santos está considerado como o escritor de viños más prolífico de fala hispana e un dos xornalistas e autores máis experimentados en materia vitivinícola, decano da profesión e o máis coñecido a nivel internacional. É o creador da guía de viños Guía Peñín, o referente máis influínte no comercio internacional de viños españois e a mais consultada a nivel mundial.

Despois da conferencia celebrarase un Túnel de Viños na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos. Trátase dunha cata aberta ao público, que comezará ás 18:30 horas, onde os participantes poderán probar unha selección de máis de 100 viños da provincia, tanto da Denominación de Orixe Ribeira Sacra coma da Indicación Xeográfica Protexida Terras do Navia. Dous sumilleres encargaranse de atender ás persoas asistentes, aos que se entregará unha ficha sobre os viños exhibidos e poderán atuar como catadores puntuando os que consideran de mellor calidade.

Inscricións

O evento será de balde, pero é preciso inscribirse tanto para a conferencia, como para o túnel do viño mandando un e-mail no que se indique nome e apelidos á dirección: protocolo@deputacionlugo.org ou chamando ao 982.26.00.60 ou 982.26.01.34.

Artigos relacionados

Back to top button