En portadaÚltima hora

Os viños ourensáns e o mercado estadounidense

A exportación de viño ao mercado americano era unha das cuestións que abordaba o presidente da Deputación de Ourense nunha reunión cos consellos reguladores vitivinícolas ourensáns
O presidente da Deputación, cos representantes dos consellos reguladores vitivinícolas ourensáns.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantiña unha xuntanza no Pazo provincial na mañá do 27 de decembro cos presidentes dos consellos reguladores de Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra, Francisco García, José Antonio Dasilva e José Manuel Rodríguez, e coa xerente do Ribeiro, Cristina Alcalá. No encontro, Manuel Baltar sinalaba que con motivo da misión empresarial USA-Ourense, celebrada en xuño pasado, “xurdiu a posibilidade, por medio dunha corporación estadounidense, da importación de viño de Ourense aos Estados Unidos”.

Neste sentido, o presidente provincial comentaba cos representantes dos CRDO ourensáns “as liñas de cooperación, procedementos, estratexias, oportunidades comerciais e cuestións que propón a dita corporación americana, circunstancias que favorecen a cooperación cara novos mercados para os viños da provincia de Ourense en USA, e para que as adegas teñan toda a información ao respecto, da man dos consellos reguladores”.

Baltar tamén lles transmitía aos representantes das denominacións de orixe a proposta de resolución aprobada no último Debate sobre o Estado da Provincia (en novembro), referida á organización dunha “Feira Anual do Viño de Ourense”, na que participarían as catro denominacións de orixe, “para que se visualice a importancia que ten dentro de Galicia e no ámbito nacional a produción vitivinícola ourensá, e para falar do presente e do futuro dos nosos viños”, segundo o presidente da Deputación.

Asemade Manuel Baltar poñía se manifesto a relevancia que o sector vitivinícola ten para a provincia de Ourense, e froito das reunións periódicas que se veñen mantendo “a Deputación contemplou nos seus orzamentos unha partida de axudas para os catro consellos reguladores por importe de 50.000 euros para cada un deles no ano 2016”, “axudas que se manterán en 2017″, segundo confirmaba.

Artigos relacionados

Back to top button