EntrevistasÚltima hora

“Os viños que estiveron na final reflicten o carácter dun branco e dun tinto de Valdeorras”

O director técnico do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, Jorge Mazaira, valora os caldos desta edición do certame vitivinícola valdeorrés
Jorge Mazaira, catando un godello valdeorrés./ Foto: Ángeles Rodríguez
Jorge Mazaira, catando un godello valdeorrés./ Foto: Ángeles Rodríguez

Bo nivel en brancos e en tintos. É o balance que fai Jorge Mazaira, director técnico do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, cando se lle pregunta pola Cata da XVII Feira do Viño, cuxos premios se entregaban na tarde do sábado 12 de xullo no recinto feiral no Barco. Un total de 19 brancos e 21 tintos sometíanse nesta edición do certame á valoración dun panel de 9 catadores que os días 10 de xullo facían unha pre-cata na sede do consello en Vilamartín e, xa na mañá do 11 de xullo, unha cata final da que saían os sete caldos distinguidos este ano.

Houbo máis mostras de tintos que de brancos nesta cata oficial da feira…
Non é o normal, na maioría dos casos acostuman están equilibrados en número, pero este ano a cantidade de existencias que tiñan as adegas foi na maioría dos casos de tintos.

¿Que valoración se fai dende o consello da calidade dos caldos que se presentaron ao concurso?
Todos sabemos que a pasada vendima resultou complicada en canto á meteoroloxía e iso, unido ás xeadas e á saraiba, supuxo que parte dos viñedos se visen afectados. Quedaron tamén uvas nesas viñas que se tentaron aproveitar e en gran parte dos casos así se puido facer, pero tamén é certo que a calidade nesas zonas foi menor que na maioría das outras que non se viron afectadas por esas circunstancias. Entón, salvando esas situacións, os viños foron bastante ben valorados. Non vai ser unha colleita excelente, pero a nivel xeral podemos falar de que vai ser unha boa colleita. Cando nos referimos a colleita excelente ou moi boa, iso implica que case ao 80% dos viños podemos encravalos niso. Neste caso a proporción é un tanto inferior, pero está claro que hai viños de moi boa calidade e de excelente calidade e eu creo que, ademais, tanto os brancos como os tintos que estiveron na final son viños que están nas óptimas condicións e que reflicten o carácter do que pode ser un branco de Valdeorras e un tinto de Valdeorras. De feito, nos premios tamén se observa que eses viños teñen sido valorados tanto na Cata dos Viños de Galicia, como na Cata de Valdeorras, polo mesmo perfil e con diferentes catadores. Eses seis viños que entraron na final fixérono con honores e con todos os dereitos do mundo de poder estar aí porque eran grandes viños.

A parte de godellos e mencías, que son, digamos, os emblemas da D.O. Valdeorras, as adegas están ademais apostando por outras variedades como é o caso das garnachas ou da albarello, o que dá lugar a viños diferentes que tamén se poden probar na Feira de Valdeorras.
Si, pódense probar garnachas, brancellao, sousón e mesmo podemos degustar un tostado ou escumosos. Estamos valorizando todo o que temos coas nosas uvas e facendo diferentes tipoloxías de viños. Esas propias variedades marcan por si soas un estilo de viño elaborándoas como monovarietais. Iso irase vendo e marcando polas sensacións que ten o mercado, polo que busca en canto a viños de uva ou de parcelas. Iso é un xogo que creo que no futuro tamén aceptaremos e teremos posibilidades aí. Tamén están os viños de diferentes colleitas, agora xa non nos quedamos só nos do 2013 ou nos do 2012.

¿Como se prevé nestes momentos a vindeira colleita?
Se todo vai como o previsto, será unha maior colleita e de moi boa calidade. Os meteorólogos dixeron que este verán ía ser bastante cálido e agora mesmo temos mañás frescas e noites frescas, o que fai que a madurez da uva vaia lenta. Isto, se todo o demais vén ben, é magnífico. Metémonos un pouco na vendima de sempre, é dicir o 10 ou o 12 de setembro, e ademais con moi boa produción. Isto non quere dicir que vaia ser unha produción grande, senón unha produción que vai estar equilibrada co que hai, hai boa vexetación e pode chegarse a unha excelente madurez da uva para elaborar excelentes viños.

Texto: Ángeles Rodríguez

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button