EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Os viños “Renacido” e “Big Bang” de Pablo Vidal, no ciclo “Cata a Arte” en Ourense

Esta proposta, cuxo programa concluirá o 2 de decembro, xungue presentacións e degustacións de viños de adegas da D.O. Ribeiro e con accións culturais

 

Pablo Vidal vén de presentar, na terceira das xornadas do ciclo “Cata a Arte”, o seu viño branco Renacido en cata vertical das colleitas 2018, 2017, 2016 e 2015, e a súa nova creación, o tinto Big Bang 2019. Todos os asistentes ao evento, novamente con aforo completo, puideron degustar os delicados e equilibrados viños harmonizados e comentados á perfección con petiscos gastronómicos da man do restaurante ourensán Tizar Gourmet e con coñecidas cancións rock interpretadas polo dúo acústico Slastic. Ademais esta iniciativa desenvolvíase na sala do Centro Cultural que aínda acolle a exposición de pintura “Saudade de Soños” da pintora valdeorresa Lola Doporto.

Pablo Vidal aposta por un ilusionante proxecto que se basea en crear viños de alta calidade na D.O. Ribeiro e en outras zonas tradicionais de produción vitícola de Galicia. Trata de elaborar viños cun carácter distinto, que innovan recuperando o seu pasado. O resultado son viños maduros pero sen que perdan o seu frescor, que se foron pulindo a partir dunha lenta maduración en adega e en botella, viños de longo percorrido que permiten a súa garda, viños con personalidade propia que perderon a exuberancia da xuventude e se expresan complexos, equilibrados e delicados.

 

 

Viño e arte

Este ciclo de “Cata a Arte” celébrase en catro xornadas no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, dende o 4 de novembro ata o 2 de decembro con presentacións e degustacións de viños de adegas da D.O. Ribeiro e con accións culturais. O seu aforo está limitado a 50 persoas por xornada, e as prazas serán cubertas por orde de retirada dos convites de xeito presencial no Centro Cultural dende o luns anterior a cada evento.

Para rematar esta sétima edición, o broche final poñerao o 2 de decembro a Bodega Alanís, que presentará o seu viño Gran Alanís 2020 en harmonía co espectáculo musical de Queiman e Pousa.

Nesta edición de “Cata a Arte” continúase coas catas solidarias, solicitando que cada asistente colabore cun donativo dirixido integramente para a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense (AFAOR), organización sen ánimo de lucro que leva 26 anos de traxectoria mellorando a calidade de vida dos seus usuarios e apoiando a coidadores e familiares. Para cumprir coa labor, conta cunha rede de colaboración entre entidades públicas, privadas e asociados pensando en ofrecer servizos especializados que faciliten o día a día dos pacientes con Alzheimer e o seu entorno.

Artigos relacionados

Back to top button