EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Os viños rueses, no XVIII Salón do Viño e da Oliva de Almendralejo

O Concello da Rúa e sete adegas do municipio participan neste evento que se inauguraba o 12 de novembro e que se desenvolverá ata o día 14 nesta cidade estremeña

En terras estremeñas están a promocionar os seus viños un total de sete adegas amparadas pola Denominación de Orixe Valdeorras e con sede na Rúa. Están a participar, xunto ao Concello da Rúa, no XVIII Salón do Viño e da Oliva, Iberovinac, que se abría o público o luns día 12 e que se desenvolverá ata o 14 de novembro en Almendralejo (Estremadura).

Trátase das adegas A Coroa, Alán de Val, Cooperativa Virxe das Viñas, Joaquín Rebolledo, Melillas, Quinta da Peza e Sampayolo. Cada unha delas levará ao certame dúas marcas de viño para amosalo na feira e tamén estarán presentes nunha cata presentación dos viños valdeorreses. Un caso particular será o da adega Sampayolo que en lugar de viño levará o seu vermú. Esta actividade terá lugar na tarde do luns 12 de novembro e nela participará un grupo dunhas 25 persoas, entre expertos e público xeral.

“O Concello da Rúa está presente neste evento a través do Irmanamento coa localidade de Almendralejo. Nesta ocasión estas sete adegas presentarán alí os seus viños e outras elaboracións para dalas a coñecer a catadores e distribuidores nacionais e internacionais”, segundo Luis Fernández Gudiña, alcalde da Rúa.

Artigos relacionados

Back to top button