SanidadeÚltima hora

Os voluntarios da AECC voltan aos hospitais de Valdeorras, Verín e Ourense

Sinatura do convenio entre a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco coa AECC./ Cedida.

 

A actividade de voluntariado da Asociación Española contra o Cancro (AECC) retorna a partir deste luns 6 de setembro aos tres hospitais públicos da provincia de Ourense (os de Valdeorras, Verín e Ourense), “onde desenvolven unha labor social e de apoio aos pacientes oncolóxicos e ás súas familias, cunha presenza e actividade constante amparada no convenio de colaboración que ambas institucións veñen de renovar”, tal e como se vén de anunciar dende esta entidade.

O convenio ven de ser asinado no Hospital Universitario de Ourense entre o xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Rubial, e o presidente da sede provincial da Asociación Española contra o Cancro, Germán Rodríguez-Saá, coa asistencia da coordinadora de voluntariado da asociación, Belén Pérez.

Este acordo contempla a cesión de uso de tres salas, no Hospital Universitario de Ourense e nos hospitais comarcais de Verín e Valdeorras, e regula e recolle os obxectivos das labores de voluntariado, desenvolvidas pola asociación, en prol dos enfermos oncolóxicos nos tres centros, xa que, ademais do da cidade, na nosa provincia os comarcais tamén ofertan asistencia oncolóxica, con consultas e hospitais de día, para os tratamentos de quimioterapia, algo moi pouco habitual fora de Ourense.

Por elo, a AECC conta cun despacho propio en cada centro hospitalario, dotado con liña telefónica e equipo informático, desde o que organizar a labor dos voluntarios, así como ofertar atención personalizada aos pacientes, ou desenvolver diversas actividades. Pola súa parte, a Asociación aporta o seu persoal e os e as voluntarias, responsabilizándose da súa selección e formación, ademais de equipalos e identificalos.

No caso do Hospital Universitario de Ourense a actividade e labor social da AECC esténdese, ademais de aos pacientes de Oncoloxía Médica, aos de Oncoloxía Radioterápica e Hematoloxía, así coma a outros servizos responsables do tratamento multidisciplinar dos distintos tipos de cancro.

O obxectivo principal dos voluntarios e persoal da AECC nos hospitais é prestar servizos de apoio e acompañamento, orientación, apoio psicolóxico e social, contando cun programa específico de “primeiro impacto”, para axudar aos pacientes que veñen de ser diagnosticados e súas familias.

 

Exterior do despacho da AECC no Hospital Público de Valdeorras.

 

Media anual de máis de 200 pacientes entre os comarcais de Valdeorras e Verín

Ourense foi a primeira provincia a nivel nacional en descentralizar o tratamento oncolóxico, por medio da creación de Hospitais de Día e consultas oncolóxicas para o tratamento quimioterapéutico dos pacientes destas bisbarras, evitando así o seu desprazamento ao hospital de referencia en Ourense

Estes tratamentos, están dispoñibles habitualmente só nos hospitais xerais, o que obriga as veces aos pacientes a longos desprazamentos, antes e despois de recibir tratamento, ou para consulta.

Con esta medida, o Servizo de Oncoloxía Médica foi o primeiro en traballar en clave de Área Sanitaria, moito antes incluso de que este modelo de xestión de coordinación de recursos se implantase nos distintos Servizos de Saúde. Con elo optouse por priorizar a coordinación interhospitalaria, con vocación de humanizar a asistencia e a calidade de vida do paciente oncolóxico, evitándolle viaxes e traslados, co obxectivo último de garantir a equidade, universalidade e accesibilidade dos cidadáns á sanidade pública, indistintamente do seu lugar de residencia.

Entre ambos hospitais comarcais atenden a unha media anual de máis de 200 pacientes, evitando así miles de desprazamentos, xa que unha das características destes tratamentos é a súa administración por ciclos. Cada ciclo está composto a súa vez por un número variable de sesións de quimioterapia, polo que a duración destes depende de cada doente e da súa evolución.

Artigos relacionados

Back to top button