EconomíaEconomíaÚltima hora

Os xoves empresarios ourensáns visitan as institucións europeas en Bruxelas

Unha delegación de AJE Ourense coñeceu os organismos máis representativos da Unión Europea na capital belga
Representantes de AJE Ourense na Comisión Europea.

Dous días intensos na capital belga. Un grupo de dez mozos empresarios ourensáns foron até Burxelas para coñecer de preto como se desenvolve a vida política e económica nesta cidade, sobre todo nos aspectos que afectan aos intereses galegos.

Os empresarios levaron a cabo un programa de visitas e relatorios en distintas institucións europeas. Tras a súa chegada o domingo, o luns a primeira hora comezaba a axenda coa visita á Fundación Galicia Europa, onde foron recibidos pola directora da súa oficina en Bruxelas, Ana Ramos, quen lles explicou en que consiste a tarefa de intermediación deste organismo, que apoia a institucións, empresas e sectores estratéxicos galegos nas súas xestións na capital belga, sobre todo á hora de debater na normativas europeas que lles poidan afectar, ou as distintas axudas para os colectivos empresariais e o emprendemento.

A continuación, a representación da AJE Ourense foi ao Parlamento Europeo onde tivo lugar o almorzo e foron recibidos por Francisco Milán Mon, quen lles explicou a función dun eurodeputado e de que xeito as súas decisións inflúen na consecución de intereses para a rexión que representan.

Visita á fundación Galicia Europa.

A Comisión Europea foi a primeira cita do martes, 7 de novembro, da delegación de AJE Ourense, un grupo de xoves empresarios de diversos sectores foron acompañados por Santiago Álvarez, responsable na provincia da consellería de Economía, Emprego e Industria, quen participou no deseño do programa de distintas visitas en Bruxelas.

Até o xantar, os empresarios ourensáns asistiron a distintos relatorios na Comisión Europea, en concreto a dous centrados no colectivo que representan “A Unión Europea e os emprendedores: Programa Cosme e Programa Horizonte 2020” onde compartirán experiencias e información cos outros xoves empresarios e puxéronse ao día sobre a actualidade e a dirección que toma o emprendemento na Unión Europea.

Tras o xantar no Comité das Rexións visitaron esta institución de mans de Jesús Marcial Méndez, administrador e recursos humanos, para coñecer a funcións deste organismo, que representa as entidades rexionais e locais dos estados membro por medio da asemblea dos seus representantes.

O presidente da asociación ourensá, Lois Babarro, valorou como moi interesante esta visita que lles está permitindo “coñecer desde dentro o que leva a cabo desde Bruxelas e como afecta á nosa vida e traballo diario a través da lexislación e as axudas que financian os fondos europeos, que se negocian e debaten aí a través de institucións como a Fundación Galicia Europa”. Babarro agradeceu igualmente a implicación da Delegación Territorial da Xunta en Ourense, que apoiou esta iniciativa en todo momento.

Foto de grupo diante do Parlamento Europeo.

Artigos relacionados

Back to top button