OurenseÚltima hora

Óscar Pereiro apadriña a proba transfronteiriza “Xurés Bike Tour” que se celebrará a vindeia fin de semana

Máis de 200 deportistas e afeccionados ao ciclismo reuniranse nesta carreira cun percorrido de máis 120 km polos concellos de Muíños, Lobios e o portugués de Montealegre

Presentación na Deputación da “Xurés Bike Tour”.

 

A “Xurés Bike Tour”, proba ciclista enmarcada no proxecto europeo Fronteira Esquecida Río Limia-Lima celebrarase os días 18, 19 e 20 integramente na Serra do Xurés, e contará con máis de 200 deportistas e afeccionados procedentes de doce provincias españolas e do norte de Portugal que percorrerán máis de 120 quilómetros divididos en tres etapas.

O evento deportivo que era presentado en Ourense, ten como padriño ao exciclista profesional Óscar Pereiro, que recibirá unha homenaxe ao coincidir esta proba co 15º aniversario da súa vitoria no Tour de Francia. “Todo un plus calidade contar con Pereiro para unha carreira que nos permite seguir falando de recuperación e de volta ao espectáculo deportivo en contacto coa natureza”, dixo o presidente provincial, Manuel Baltar, que ademais do deportista estivo acompañado na presentación polo alcalde de Muíños, Plácido Álvarez; a alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez; e por videoconferencia polo presidente da Cámara Municipal de Montealegre, Orlando Alves.

A proba desenvolverase polo espazo da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, e poderá disputarse tanto nas modalidades individual como por parella e, como novidade, con bicicleta eléctrica para facilitar unha maior participación. A carreira comezará na tarde do venres día 18 cunha etapa prólogo de 12 quilómetros que principiará e concluirá en Muíños. O sábado, día 19, celebrarase a etapa máis longa, 69 quilómetros con inicio e final no complexo turístico do Corgo, en Muíños, pasando por Pitões das Júnias no municipio portugués de Montealegre. A proba concluirá o domingo, día 20, cunha etapa de 42 kilómetros que sairá e rematará na área termal de Río Caldo, en Lobios.

 

O presidente da Deputación Manuel Baltar entrega o drosal Nº 1 ao exciclista profesional Óscar Pereiro.

 

Na presentación, Manuel Baltar fixo entrega a Óscar Pereiro do dorsal número 1 dunha proba “que é todo un fito non só no calendario de eventos deportivos e de natureza que se celebran na provincia, en Galicia e no norte de Portugal, senón que tamén aspira a ser un dos referentes a nivel nacional, porque confiamos en que esta sexa a primeira de moitas edicións e aí estará sempre a Deputación”. Para o presidente provincial, Ourense vai ofrecer aos participantes e aos seus acompañantes a oportunidade de gozar dun tempo de desconexión, de lecer e de familia nun área natural e termal que lles permitirá descubrir a provincia que máis quilómetros de fronteira ten con Portugal e que en breve estará a pouco máis de dúas horas da capital do país grazas ao AVE, xusto agora que é o que a xente busca cando nos damos conta de que a saúde é o ben máis prezado”.

Pola súa banda, Pereiro, que tamén agradeceu a nova homenaxe que vai recibir pola súa traxectoria deportiva, incidiu na importancia desta proba “porque despois dun ano e medio terrorífico comezamos a ver a luz, a facer eventos, a buscar a normalidade e facelo co deporte, ofrecendo unha ventá aberta para despexar a mente e superar este tempo”, ademais de destacar que na carreira tamén se inclúa, como novidade, a modalidade de bicicleta eléctrica, “fabuloso invento para que todo tipo de persoas, sexa cal sexa a súa condición física, podan participar en probas como esta”.

Artigos relacionados

Back to top button