ConcellosÚltima hora

Oulego (Rubiá) celebrará a súa I Festa Medieval Invernal

A cita, que xirará en torno a unha voda de época, está prevista para o sábado 26 de decembro
Membros da asociación cultural Comando Castaña. /Foto: Carlos G. Hervella.
Membros da asociación cultural Comando Castaña. /Foto: Carlos G. Hervella.

Tarragona, Gijón, Barcelona e Valdeorras son os lugares polos que se atopan espallados os membros da asociación cultural Comando Castaña, un colectivo con raíces en Oulego (Rubiá), que decidía organizar un evento para que a xente que vive no pobo e outros moitos que viven fóra se xuntara durante as festas de Nadal. Así nacía a I Festa Medieval invernal de Oulego que se celebrará o día despois de Nadal, o sábado 26 de decembro a partires das catro e media da tarde.

O acto central da xornada será unha voda de época que comezará en torno ás cinco da tarde e que contará coa colaboración dos especialistas en escenificacións e eventos medievais “Hijos del Lobo” de Gijón.

Vista panorámica de Oulego, no concello de Rubiá. /Foto: Carlos G. Hervella.
Vista panorámica de Oulego, no concello de Rubiá. /Foto: Carlos G. Hervella.

A entrada ao convite (co xabarín como prato principal) custará 10 euros e incluirá un obsequio de recordo. Ademais da celebración e do banquete, ao longo da tarde haberá xogos medievais para nenos e adultos, escenificacións de época, obradoiros, combates e postos de artesanía e produtos gastronómicos.

A noite estará amenizada co rock de dúas bandas locais: Lord Lethal e Rober Fernández Band, pechando a festa a tradicional queimada.

Dende a organización convidan á xente a que asista “preferiblemente disfrazados ou ataviados de época”.

Artigos relacionados

Back to top button