PolíticaÚltima hora

A ourensá Noa Presas (BNG) leva ao Parlamento a perda de oficinas bancarias no rural

Na Comisión de Economía pedía a intervención da Xunta para garantir “os servizos bancarios a toda a cidadanía con independencia do lugar de residencia”
A deputada ourensá do BNG, Noa Presas, no Parlamento.

A progresiva desaparición de oficinas bancarias, especialmente no rural galego, está dificultado o acceso dunha parte significativa da poboación a un servizo básico, “posto que hoxe é practicamente imposible desenvolver a túa vida profesional ou económica sen ter unha conta bancaria”. Así o aseguraba a deputada do BNG por Ourense Noa Presas na Comisión de Economía do Parlamento de Galicia.

Na súa intervención destaba que na actualidade hai unha media de 1.661 persoas por oficina, unha ratio inferior á media estatal, que é aínda máis baixa nas localidades do interior das provincias de Lugo e Ourense, “iso supón unha deterioro do servizo que en nada beneficia a fixar poboación na Galiza non urbana”, matizaba.

Presa considera que este peche de oficinas obedece en parte ao proceso de reestruturación bancaria, así como á desaparición do sistema financeiro do país. Neste senso a deputaba pedía a intervención da Xunta para garantir os servizos bancarios a toda a cidadanía “con independencia do lugar de residencia”, e advertiu que o recorte de oficinas presenciais non pode suplirse coas oficinas virtuais da banca dixital, cuxo nivel de implantación e de uso é aínda moi reducido.

“Apenas un terzo da poboación usa con regularidade esta ferramenta, porcentaxe que é moito menor nas localidades rurais onde os e as usuarias non están familiarizados coas novas tecnoloxías e tampouco saben como obter información bancaria de calidade e solvente a través da rede”, concluía Presas.

Artigos relacionados

Back to top button