OurenseSen categorizarÚltima hora

Ourense ergue o telón da ICC Week 2016

A cidade inaugura mañá unha nova edición do encontro de industrias culturais e creativas cunha charla no Marcos Valcárcel
A Ourense ICC Week prolongarase ata o día 14.
A Ourense ICC Week prolongarase ata o día 14.

A Semana das Industrias Culturais e Creativas en Ourense (ICC Week) erguerá mañá, 10 de maio, o telón dunha nova edición. Será nun acto de apertura programado para as 20:30 horas que terá lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Ata o vindeiro día 14, a cidade das Burgas convertirase nun gran expositor das últimas novidades relacionadas co eido dos medios de comunicación sociais e a indsutria das tecnoloxías da información. O encargado de iniciar o calendario de eventos é Jordi Tresserras, director de rede de Iberitur, que impartirá unha charla sobre o “turismo laranxa, cultura e creatividade para un novo concepto de turismo”.

Na xornada do mércores 11, a programación continúa cunha charla-coloquio para analizar o futuro da música nas plataformas dixitais. Será en horario de mañá e contará con voces expertas e profesionais do sector coma o célebre artista Iván Ferreiro, que se despraza ata Ourense para falar da súa propia experiencia. Tamén intervirán Almudena Heredero, directora do festival PrimaveraPro; Teresa Navajas, que leva a web e a comunicación en Radio Gladys Palmera; o presidente da Fundación SGAE, Manuel Aguilar, e Javier Liñán, director do selo El Volcán.

Ese mesmo día pola tarde, a Ourense ICC Week pon o aceno no mundo da televisión e do espectáculo para abordar o equilibrio da creatividade e do entretemento neste medio de comunicación audiovisual. As caras que participarán neste debate serán as de Eva Tovar, directora do programa ‘Got Talent’, que se emite no canal Tele 5, de Mediaset, e Giampaolo Manfreda, director de ‘Vergüenza Ajena’ para MTV.

Xa en horario de noite, a programación adquire un senso máis lúdico e fixa para os amantes da música indie unha importante cita musical: o artista Iván Ferreiro aproveitará a súa estancia en Ourense para ofrecer un concerto en acústico ás 21.30 horas no Teatro Principal.

As entradas para participar nestas actividades pódense adquirir a través da web de Ticketea. Hai hai máis información sobre os bonos e os prezos con descontos na web da Ourense ICC Week.

Artigos relacionados

Back to top button