CulturaCulturaÚltima hora

Ourense acolle a premier de “Cuñados”, unha comedia con selo valdeorrés

O produtor executivo deste filme, rodado na provincia, é o petinés Alfonso Blanco,

Publicidade
Alfonso Blanco, produtor executivo de “Cuñados”, con autoridades asistentes ao acto.

 

Non será ata o 9 de abril cando chegue ás salas de cine de toda España, pero na tarde deste domingo o Teatro Principal de Ourense acollía a premier mundial da comedia “Cuñados”, con produción executiva do valdeorrés Alfonso Blanco e dirección de Toño López.

O acto contaba coa presenza do equipo desta longametraxe de Portocabo como o produtor Alfonso Blanco, o director Toño López, a guionista Araceli Gonda e os protagonistas Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira, Federico Pérez Rey, Eva Fernández, Iolanda Muíños, María Vázquez e Mela Casal.

Tamén acudían diversas autoridades como o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; ou o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, entre outras.

“No Goberno galego non fomos nin somos alleos ás dificultades que trouxo a pandemia. De feito, a atención a este sector focaliza parte importante do Plan de Reactivación da Cultura con máis de 3 M€ en seis liñas de subvención para apoiar cadanseu momento do proceso que vai desde a creación á distribución cinematográfica”, sinalaba o conselleiro de Cultura. Así o reflicte tamén o apoio realizado a “Cuñados, que conta cunha achega de preto de 260.000 euros a través da convocatoria de subvencións á produción audiovisual”, aseguraba Román Rodríguez.

 

Membros do equipo de “Cuñados” e autoridades, no photocall.

 

Pola súa banda, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, aseguraba que “hoxe é un día grande para Ourense, para a cultura e para o cinema”, un Ourense ao que cualificaba como “berce e gran referencia do cine galego, como o constata a 26ª edición do OUFF neste 2021”. Foi o ano pasado cando Manuel Baltar acordou con Alfonso Blanco, produtor de Cuñados, “que os protagonistas do filme fosen Ourense, O Ribeiro, o COB, Lamatumbá e as nosas paraxes, unha historia que en dous días estrearase en Madrid a nivel nacional, que se exhibirá en 125 salas e que pode ser un dos grandes éxitos da tempada”, tal e como recordaba o presidente provincial.

Ademais Baltar pedíalle a Alfonso Blanco “que siga nesa senda, que pode ter lugar unha segunda parte tamén rodada en Ourense, porque temos moitísimas cousas que ofrecer: o noso patrimonio, a nosa paisaxe, lugares fermosos como a estación de montaña de Manzaneda, e ese mar termal, en definitiva, un Ourense que puxa forte. Agardamos que Cuñados sexa un dos éxitos da tempada, que vai a ter unha gran difusión, e a Deputación seguirá neste camiño de apoio ao noso territorio”.

A ocasión servía así mesmo para volver ver xuntos a varios membros de Lamatumbá, unha das bandas máis representativas da música galega, que co seu aire festivo e de verbena e a encargada de poñer a banda sonora a este filme.

 

Un dos momentos desta premier no Teatro Principal de Ourense.

 

A estrea de “Cuñados” supón a incursión nun xénero ata agora pouco transitado polo audiovisual de Galicia. Rodada en versión orixinal en galego, con posterior dobraxe ao castelán dos actores protagonistas, gravouse integramente na cidade de Ourense e noutras localizacións da provincia como a zona do Ribeiro. E, a través de Fílmax, dispón de 120 copias para todo o estado.

A longametraxe vén avalada pola súa participación en mercados profesionais como o American Film Market, de Los Ángeles ou o European Film Market de Berlín e conta con participar no Marché du Film de Cannes. Trátase da primeira incursión no formato de longametraxe da compañía Portocabo, empresa especializada en series e formatos televisivos de ficción, con títulos de éxito como “Hierro”, que foi Premio Ondas e Premio Feroz, “Auga Seca”, “Vidago Palace” ou “Os fillos do sol”.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button