CulturaCulturaMúsicaOurenseSen categorizar

Ourense acolle a primeira sesión do ciclo Do Audible

O grupo Vertixe Sonora Ensemble actuará ás 20h. no multiusos do campus universitario

vertixe

O ciclo Do Audible organizado dende a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria comeza hoxe 19 de xuño a programación da súa II edición cun espectáculo que terá como protagonistas a música, a danza e a poesía. A primeira sesión, terá lugar ás 20h. na sala multiusos do campus universitario de Ourense, e baixo o título “ Tactus” xirará en torno á respiración, o tacto, o aloumiño, a violencia física e o rozamento dos corpos.

A compoñente musical do concerto correrá a cargo do grupo Vertixe Sonora Ensemble, a partires de pezas do compositor estadounidense John Cage, do compositor colombiano Daniel Zea e do compositor mexicano Hugo Morales. Xunto coa interpretación musical de Vertixe Sonora formamdo por Pablo Coello ao saxofón, Celia Adrián ao acordeón, Diego Ventoso á percusión, e Ramón Souto á guitarra eléctrica, a sesión tamén contará coa participación poética de Ana Romaní, coa compañía de danza contemporánea Traspediante e con artistas en formación, da aula de acordeón do Conservatorio Profesional de Música de Ourense.

A música contemporánea interactúa en cada sesión coa palabra de relevantes personalidades do mundo da cultura, que achegan informacións e perspectivas de interpretación do feito musical que resulten enriquecedoras para o oínte. Deste xeito, o obxectivo do ciclo, promovido pola Secretaría Xeral de Cultura, coa colaboración de Vertixe Sonora, é procurar a normalización da escoita de música contemporánea entre o público galego.

Integrada por destacados solistas de música contemporánea de Galicia e de Portugal, Vertixe Sonora Ensemble conxuga artistas sonoros, artistas plásticos, músicos de jazz, intérpretes clásicos e xente do teatro e da danza. A partires dunha consciencia da multiplicidade no achegamento ao sonoro, establece un constante diálogo e interacción co pensamento, coa ciencia, coa tecnoloxía e con outras formas artísticas desde unha óptica cosmopolita, integradora e transcultural, para favorecer un espazo aberto á reflexión, á discusión e ao intercambio no campo da música contemporánea.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button