CulturaOurenseÚltima hora

O VI festival de danza Corpo a Terra encherá as rúas de arte do 7 ao 9 de xullo

A Asociación Traspediante Cultura presenta a nova edición cunha pequena exhibición de baile na escalinata de Santa María Nai
Un momento do baile de Clara Ferrao, esta mañá na escalinata de Santa María Nai.
Un momento do baile de Clara Ferrao, esta mañá na escalinata de Santa María Nai.

Cun baile na escalinata de Santa María Nai. Así anunciaba a artista galega Clara Ferrao esta mañá o Festival de Danza Corpo a Terra, que se celebrará nas rúas de Ourense do 7 ao 9 de xullo. A Asociación Traspediante Cultura foi a encargada de presentar a programación, nun acto que contou tamén coa presenza da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, a concelleira de Cultura, Belén Iglesias e o director do IES As Lagoas, Carlos Varela.

Imaxe das organizadoras do festival, coa concelleira de Cultura e a delegada territorial.
Imaxe das organizadoras do festival, coa concelleira de Cultura e a delegada territorial.

As tres directoras do colectivo organizador -Paula Quintas, Marta Alonso e Begoña Cuquejo- aproveitaron a presentación para agradecer a colaboración das administracións e a dos cidadáns, que a través dunha campaña de crowdfunding doaron 6.000 euros. O Concello, pola súa banda, destinou 10.000 euros, segundo se explicou. No entanto, o colectivo cultural pediu axuda para futuras edicións, facendo fincapé na dificultade económica que esixe a programación dun evento coma este.

Pola súa banda, a representante do goberno autonómico definiu o evento coma “unha noraboa para a nosa cidade” e reafirmouse na aposta que a administración autonómica fixo porque “queremos que as nosas rúas e prazas se enchan de arte”. “É unha oferta cultural que trata de acercar a arte aos cidadáns”, salientou, e fixo un chamamento á cidadanía para que se achegue a gozar do espectáculo. Tamén a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, invitou aos ourensáns a disfrutar dun festival que, segundo as súas palabras, fará dos principais enclaves históricos da cidade “lugares de culto á danza do corpo”.

A presentación do programa tivo lugar no Salón de Actos do Concello.
A presentación do programa tivo lugar no Salón de Actos do Concello.

Por último, interviu o director do IES As Lagoas, que explicou que o centro educativo aporta a parte formativa. Así, lembrou que este é o único instituto de Ourense que ten a modalidade de artes que vai cara as artes escénicas e confirmou que un total de 40 alumnos está a participar dende o día 29 en clases de danza co colectivo cultural.

Canto á programación, o festival arrincará mañá xoves ás 21h na Praza de Santa Eufemia, cunha actuación da artista Clara Ferrao. Posteriormente, na Escalinata de Santa María actuará Jesús Rubio, dende Madrid. E ás 22h, o escenario trasladarase á Praza de San Martiño cun espectáculo de Los Innato, procedentes de Costa Rica.

Xa na xornada do sábado, o telón erguerase ás 20h na Praza de Santa Eufemia, cunha posta en escea da man do artista galego Juanma Lodo. Una hora máis tarde, no mesmo escenario, celebrarase o Certamen Solodos en Danza, co costarricense Gabriel Rodríguez. Ás 21:30h, os ourensáns poderán gozar de espectáculos similares nas Burgas, co galego Fran Martínez e, ás 22.45h, a Praza da Estrela encherase de arte a pé de rúa co dúo Matías Daporta e Angela Milano, dende Holanda e Galicia. O día pecharase á medianoite, cunha actuación da portuguesa Fabiola Augusta no Claustro de San Francisco. Esta actuación contará con aforo reducido.

O domingo, o festival pechará a edición cun último espectáculo na Alameda, tras o espectáculo do madrileño Lucio Bagilvo na Praza de Santa Eufemia, que será ás 21h. O peche será na Alameda cunha festa na que participará Cía Caí, de Madrid, Los Innato, Lado Aldao e catering sonoro-Dj Juanma Lodo.

Texto e fotos: Sara Fontenla

Artigos relacionados

Back to top button