OurenseÚltima hora

Ourense acolle a XI Semana Cultural da Asociación Amigos Vía Plata do 19 ao 21

O colectivo celebra o seu 25 aniversario e a consolidación do Camiño Mozárabe-Vía da Prata
Un momento da presentación da XI Semana Cultural.
Un momento da presentación da XI Semana Cultural.

A Asociación Cultural Amigos Vía Plata celebra o seu 25 aniversario en Ourense coa XI edición da Semana Cultural, que se desenvolverá do 19 ao 21 de outubro. Así o adiantaban na mañá de hoxe, venres 14, nun acto de presentación que contou coa asistencia e participación do presidente da entidade, José Luis Rodríguez, e o vicepresidente da mesma, José Antonio Quintas. Ademais de festexar o aniversario da asociación, a Semana Cultural servirá para rememorar a consolidación do Camiño Mozárabe-Vía da Prata, unha consolidación na que o colectivo traballou moito “pola recuperación física dun camiño que moita xente non sabía nin que existía”, apuntaba Rodríguez.

O presidente da asociación tamén indicou que co Camiño Mozárabe, o nome de Ourense “é coñecido en máis países dos que nos podemos imaxinar”. Así se desprende tamén dos datos facilitados por Rodríguez, que asegurou que, durante o ano pasado, peregrinos de máis de 50 nacionalidades escolleron a provincia ourensá como punto de partida no seu camiño cara Santiago.

En canto á programación da Semana Cultural, haberá ponencias, exposicións e homenaxes, ademais do habitual concurso de fotografía. Deste xeito, a homenaxe que pecha as xornadas adicarase nesta ocasión a un dos máximos impulsores da entidade, Eligio Rivas. No resto da programación, destacaron a presencia de autoridades como a directora de Patrimonio da Xunta, María del Carmen Martínez, ou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button