EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Ourense acollera a cuarta edición do concurso VinEspaña, en abril

Un dos obxectivos que organización se propuxo nesta edición foi "compaxinar viño e termalismo"

 

Entre o 28 ao 30 de abril Ourense converterase na capital dos viños españois coa celebración no balneario de Laias da cuarta edición do concurso VinEspaña, no que medio centenar de enólogos nacionais e internacionais avaliarán os viños das adegas que opten aos premios establecidos en dez categorías. O certame foi presentado hoxe no Pazo Provincial nun acto no que participaron o presidente da Deputación, Manuel Baltar, e os presidentes da Federación Española de Asociacións de Enoloxía, Luis Buitrón; da asociación galega, David Pascual; e do Consello Regulador da D.O. Ribeiro, Juan M. Casares.

“Falar de viños e de Ourense é falar de palabras e sensacións sinónimas”, sinalaba Manuel Baltar para destacar que a provincia é o territorio de Galicia con maior número de denominacións de orixe de viticultura, catro de cinco, o que supón que “temos traxectoria e compromiso cun sector que defendemos e polo que seguiremos traballando no futuro”.

Para o presidente dá Deputación, este certame de ámbito nacional “verase favorecido sen dúbida pola nova realidade da conectividade de Ourense tras a chegada da alta velocidade, nun ano tamén Xacobeo, no que celebramos o 200 aniversario da nosa institución provincial e no que apoiamos eventos destas características, que sitúan a Ourense, visibilizan o territorio e poñen en valor un produto excelente como os nosos viños”.

Destacou tamén Manuel Baltar a elección do balneario de Laias como sede do concurso, “pois O Ribeiro aúna todas as características da marca turística “ OU”: natureza, patrimonio, enogastronomía e termalismo, polo que falamos dunha magnífica postal que en abril presentará a súa versión máis atractiva”.

Luis Buitrón explicou as razóns que levaron a elixir a Ourense como sede deste evento, incidindo no xa citado feito de que a provincia posúa catro das cinco denominacións de orixe de Galicia e lembrando “a boa aceptación que tivemos cando celebramos, tamén en Ourense, o concurso “ Tempranillos ao mundo”, no que contamos coa implicación da Deputación”.

 

 

Con todo, o presidente da Federación Española de Asociacións de Enoloxía destacou que un dos obxectivos que se propuxeron nesta edición foi “compaxinar viño e termalismo, de aí a elección do balneario de Laias, no corazón do Ribeiro, para o desenvolvemento do concurso”. Unha gran oportunidade, dixo, para dar a coñecer ambas as facetas ao medio centenar de enólogos nacionais e internacionais que se darán cita en Ourense para avaliar viños de toda España, “xa que ademais do concurso celebraremos unha reunión do Comex, a xunta directiva da Unión Internacional de Enólogos, organismo que representa aos profesionais de 16 países de tres continentes”.

Un concurso con 10 categorías

No concurso, recoñecido pola Unión Internacional de Enólogos, poden participar todas as adegas, con todas as súas variedades e tipos de viños, establecendo dez categorías: espumosos, de agulla, brancos, rosados e tintos tranquilos, viños de uvas sobremaduras, uvas pasificadas, de licor, ecolóxicos e de variedades minoritarias. Os premios outórganse tanto á calidade do produto como ao traballo dos enólogos que os elaboran. O xurado estará constituído por un panel de cata de expertos entre os que figurarán enólogoes/enólogos de relevancia, xornalistas especializados e outros profesionais cualificados da cadea do viño.

Artigos relacionados

Back to top button