OurenseÚltima hora

Ourense acollerá esta fin de semana a VI Copa de España de Salvamento e Socorrismo

O Club Salvour será o anfitrión desta proba que reunirá na piscina Rosario Dueñas a 464 socorristas desde a categoría infantil ata a absoluta

 

O Club Salvour será o anfitrión da VI Copa de España en piscina de Salvamento e Socorrismo que esta fin de semana reunirá a 464 socorristas, desde a categoría infantil ata a absoluta, na Piscina Rosario Dueñass de Ourense.

O sábado 5 de febreiro serán 270 xuvenís, júniors e absolutos os que se darán cita cunha participación “que sobe por encima do 74% en relación coa edición anterior”, aseguran dende o club ourensán, adiantando que os participantes agrúpanse en 23 clubs procedentes de nove Comunidades Autónomas: Galicia, con 142 socorristas; Castela e León, con 36; Madrid, con 24; Comunidade Valenciana, con 20; País Vasco, con 17; Cantabria e Castela-A Mancha, con 12 en cada caso; Canarias, con 5; e Extremadura, con 2. A categoría xuvenil é a que máis deportistas achega, con 104, por diante da absoluta, con 90, e a júnior, con 76.

O domingo 6 de febreiro terá lugar a primeira xornada da Copa de España de Piscina Infantil e Cadete, coa presenza de 194 socorristas o que representa un aumento superior ao 50% con respecto á edición anterior. Desta maneira, 107 socorristas cadetes e 87 infantís competirán na capital ourensá. Os participantes proceden de dez Comunidades Autónomas: 102 de Galicia, 44 de Castela e León, 20 da Comunidade Valenciana, 8 do País Vasco, 6 de Aragón, 5 de Cantabria, 4 de Castela-A Mancha, 3 de Madrid, e un de Cataluña e Extremadura, pertencentes a 22 clubs, doce máis que a edición anterior.

O Salvour porá o seu gran de area ao campionato coa participación de 6 socorristas en categoría infantil e oito socorristas nas categorías júnior e absoluto “para tratar de alcanzar a vitoria pese ao gran nivel que haberá durante as dúas xornadas na piscina”, adiantan dende o club.

Artigos relacionados

Back to top button