EconomíaEconomíaÚltima hora

Ourense acollerá o VI Premio Xove Empresario de Galicia

A cita será o próximo 26 de xaneiro no Teatro Principal e premiará ao mellor emprendedor de Galicia e terá tres accésit de innovación, creación de emprego e internacionalización
Lois Babarro, Manuel Baltar e Carmen José López.

Ourense será a cidade encargada de acoller a gala do “VI Premio Xove empresario de Galicia”. Así o anunciaron esta mañá a presidenta da Federación Galega de Xoves Empresarios (Fegasxe-AJE Galicia), Carmen José López, o presidente da Asociación de Xoves Empresarios (AJE) de Ourense, Lois Babarro e o presidente da Deputación, Manuel Baltar. Este galardón celebrarase o vindeiro 26 de xaneiro no Teatro Principal de Ourense. O presidente provincial asegurou que este evento situará a Ourense “como capital galega do emprendemento”

Tanto Lois Babarro como Carmen José López amosáronse agradecidos á Deputación por colaborar “sempre” cos Xoves Empresarios. Babarro explicou que este premio ao colectivo dos emprendedores “é un recoñecemento ao talento dos novos empresarios e ao seu pulo por xerar riqueza e emprego no nos territorio”. O presidente dos Xoves Empresarios ourensáns subliñou que esta organización empresarial conta na provincia de Ourense con 105 asociados cuxas empresas facturan, en total, máis de 50 millóns de euros. No ámbito galego, segundo aportou Carmen José López, “a Federación de Xoves Empresarios abrangue empresas que representan a máis de 7.000 traballadores e cuxa facturación supera os 426 millóns de euros”.

Pola súa banda, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, dixo que o goberno provincial colabora con esta incoativa xa que “premia o talento dos emprendedores galegos en innovación, internacionalización e creación de emprego”, asemade resaltou que a institución provincial ten que apoiar este tipo de iniciativas xa que supón “abrir portas ao futuro económico da provincia de Ourense”. Por outra banda, Baltar dixo que son moitos “os escenarios de colaboración que mantemos co colectivo dos xoves empresarios, pois compartimos con eles esa visión integral da provincia para seguir promovendo o noso territorio e potenciando a marca Ourense”.

Carmen José Pérez sinalou que aquí “nos empaparemos de ourensanía e darémoslle a benvida aos xoves empresarios de Galicia, para lanzar unha mensaxe que permita visualizar o potencial dos novos emprendedores é dicir, que en Ourense e Galicia se poden xerar grandes proxectos, e diso temos moitos exemplos de talento e innovación, que serven tamén de alicerce para os universitarios que pretenden poñer en marcha no futuro proxectos empresariais”.

Na súa sexta edición, o Premio Xove Empresario de Galicia conta con dúas categorías e tres accésit: Premio Xove Empresario de Galicia 2016”, “Premio Xove Emprendedor de Galicia 2016” e accésits á Innovación, Creación de emprego e Internacionalización.

Os premios teñen carácter honorífico e os galardoados recibirán un premio creado en exclusiva para este evento. O xurado terá en conta para ditaminar aos gañadores aspectos da empresa como: creación de emprego estable, evolución dos beneficios da empresa, volume de investimentos, grao de proxección nacional e internacional, boas prácticas na xestión empresarial, respecto polo medio ambiente, implicación no asociacionismo empresarial, calidade do produto ou servizo, innovación, sectores emerxentes, orixinalidade, expansión en mercados internacionais, creatividade e investigación.

As candidaturas ao premio poden presentarse ata o vindeiro día 19 de xaneiro no enderezo electrónico: gerencia@fegaxe.com, e os candidatos deben cumprir como requisito ser empresarios e ter data de nacemento posterior ao 1 de xaneiro de 1976. A empresa candidata debe ter domicilio social en Galicia e o seu capital social deberá estar participado nun 25 %, como mínimo, por persoas físicas menores de 41 anos, e non poderá estar participada por entidades ou empresas de titularidade pública.

Artigos relacionados

Back to top button