DeportesÚltima hora

Ourense será a sede da “Semana do Baile Deportivo” o vindeiro ano

O evento vaise celebrar do 22 ao 29 de xuño no Pazo dos Deportes “Paco Paz” e en Expourense
Emma González, Luis Vañó, Manuel Baltar, Graciela Toba e Juan Manuel Fernández.

A provincia acollerá, do 22 ao 29 de xuño de 2018, a “Semana do Baile Deportivo”, un evento que reunirá a uns 3.000 participantes de toda España e que terá lugar no Pazo dos Deportes “Paco Paz” e en Expourense

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar e o presidente da Federación Española de Baile Deportivo, Luis Vañó, asinaron un protocolo de colaboración para a celebración deste evento, que dará comezo o 22 de xuño coas roldas previas do Campionato de España de Danza Coreográfica. Ao día seguinte celebrarase o Trofeo Nacional “Ourense Provincia Termal”, así como o campionatos nacionais de Hip Hop, Latinos, Caribeños e a final do Campionato de España de Danza Coreográfica. O día 24 de xuño terá lugar o Campionato de España de Line Dance e a Copa Promoción Latinos e Standard. No marco deste evento terá lugar tamén o Congreso Internacional de Baile “Ourense Provincia Termal” e un campus de verán.

Luis Vañó e Manuel Baltar na sinatura do convenio.

Na recepción de hoxe tamén participaron a delegada en Galicia da Federación Española de Baile Deportivo, Graciela Toba; o director do club Moovet, Juan Manuel Fernández, e a directora adxunta de Expourense, Emma González, con quen Manuel Baltar analizou os aspectos organizativos do evento, o máis importante neste ámbito en España.

A provincia presentara a súa candidatura a ser sede destes campionatos no pasado Campionato Nacional da Federación Española de Baile Deportivo que tivo lugar en Valencia, unha candidatura apoiada pola Deputación. Manuel Baltar destacou o posicionamento da provincia de Ourense neste evento co Trofeo Nacional “Ourense provincia termal”, “que contribuirá a seguir potenciando a ‘marca Ourense’ no ámbito do turismo, o deporte e o termalismo, cunha actividade que, no seu conxunto, atraerá a miles de persoas á nosa provincia”.

Neste senso, a Deputación colaborará cunha achega económica do seu orzamento de 2018 para cofinanciar esta actividade e o Congreso Internacional de Baile “Ourense provincia termal” que se convocará paralelamente a este evento deportivo, o cal se realiza por primeira vez en España de modo conxunto, e tamén facilitará as instalacións do Pazo dos Deportes “Paco Paz” para celebrar os campionatos deportivos, así como os concertos que se desenvolvan con motivo do congreso.

A Semana do Baile Deportivo Ourense 2018 traerá a Galicia por primeira vez todas as modalidades integradas en competición da Federación Española de Baile Deportivo, recoñecido como disciplina Olímpica. Trátase dun deporte crecente en España e no resto de Europa, sendo Galicia a segunda comunidade en número de licenzas activas, tan só por detrás de Cataluña. A provincia de Ourense conta co Club Deportivo Moovet que vén de posicionarse cunha parella de bailaríns de 15 anos como campións de España en sala Cuban Style e subcampións en ritmos caribeños na categoría junior, sendo esta a primeira vez que concorrían nun certame nacional.

Artigos relacionados

Back to top button