OurenseÚltima hora

Ourense amosa en FITUR o seu potencial como “un destino de moda”

A cidade das Burgas destacou a gastronomía, a moda, o termalismo, entre outros
Foto de grupo da presentación.

Na mañá de hoxe, 19 de xaneiro, tivo lugar no stand de Galicia da Feira Internacional de Turismo de Madrid (FITUR) a presentación turística de Ourense. Baixo o estandarte de “Ourense, plan perfecto”, presentaron o destino da cidade das Burgas como “un destino de moda”.

A presentación contou con Sergio Pazos como mestre de cerimonias, con Adriana Domínguez (directora xeral de Adolfo Domínguez) como madriña, e coas intervencións do alcalde da cidade, Jesús Vázquez; da director da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro; e o concelleiro de Turismo, Jorge Pumar.

Na súa intervención, Jesús Vázquez resaltou que a capital termal de Galicia “é un destino á alza” cualificándoo de “sorprendente e atractivo”. “Quen o coñece, repite. Quen o visita, recoméndao. Quen o elixe como fogar, que é o meu caso, non cambia por ningún outro lugar do mundo”, aseverou.

Así, esta campaña presenta Ourense como “un destino ideal para escapadas en pontes, fins de semana”. Tamén como un destino desestacionalizado. Asemade, o alcalde da cidade non esqueceu o termalismo: “Ourense está de moda porque ten un gran tesouro: un inmenso océano de auga mineromedicinal baixo os nosos pés”. Nesta materia falou tamén das Burgas e da natureza que arrodea as ribeiras do Miño.

Neste senso, a directora xeral de Adolfo Domínguez, Adriana Domínguez, salientou que “as experiencias poden contarse, poden escoitarse pero ninguén pode vivilas por outra persoa. Por iso invítolles a que gocen desa experiencia que é Ourense”.

Entre os potenciais que se presentaron de Ourense estivo a moda, o termalismo e o patrimonio artístico e a cultura: “sabemos que a Cultura sempre é vital como elemento diferenciador. Somos unha cidade cun riquísimo patrimonio artístico e monumental que deixa marabillados a que nos visita”. Entre ese patrimonio, o rexedor municipal salientou a Catedral, a vida cultural da “Atenas de Galicia”, o OUFF, os certames de música e teatro culta, o teatro, o Piano Meeting… Asemade falaron do Campus da Auga e a Universidade.

Tamén se falou do Camiño de Santiago e remataron con gastronomía. “Gozamos dunha gastronomía, con varias estrelas Michelín, cos pés na terra e orgullosa do seu produto”, dixo Vázquez. Por este motivo, ao rematar, o vixente Mellor Chef de Tapas de Galicia, Miguel González Quintela, preparou un pincho especial para o público asistente elaborado con auga das Burgas.

Artigos relacionados

Back to top button