OurenseÚltima hora

Ourense arranca a súa Semana do Mar aprendendo a coñecer a frescura do peixe

Rosa Quintana e Mercedes Rodríguez. 

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, asistiu esta tarde ao obradoiro “Recoñecemento da frescura do peixe branco e azul”, organizado con motivo das Semanas do Mar de Ourense. Alí, aproveitou para promocionar e difundir a calidade dos peixes e mariscos galegos e para promover o seu consumo.

No marco das Semanas do Mar de Ourense, a Consellería do Mar está a promocionar distintas campañas para fomentar o consumo dos peixes e mariscos frescos e en conserva nas zonas do interior de Galicia. Dúas destas iniciativas son “Ponlle as pilas ao teu bocata” e “O sabor da aventura está no mar”, dirixidas ao público infantil co obxecto de ampliar o seu coñecemento e interese polo peixe e polas conservas.

Ademais, explicou a conselleira, tamén se están a desenvolver actividades da campaña “Do mar ao prato” que ten por obxectivo xeral promocionar e difundir os produtos do mar no eido da hostalería. Neste sentido, Rosa Quintana sinalou que tamén se busca familiarizar aos futuros cociñeiros co mundo do mar para que aumenten o seu interese polos peixes e mariscos galegos.

O obradoiro que se celebrou hoxe, 19 de abril, baixo o nome “Recoñecemento da frescura do peixe branco e azul”, ten como finalidade aprender a recoñecer a frescura do peixe. Trátase dunha sesión práctica dirixida a consumidores na que os participantes realizarán unha análise de peixe branco e azul para a determinación do seu grao de frescura.

Semanas do Mar

É unha iniciativa organizada polo concello de Ourense e pola Consellería do Mar que comezou onte e prolongarase ata o 21 de abril. Tamén se celebrou outra semana dedicada ao mar na provincia ourensá entre o 3 e o 7 de abril.

Dentro do programa de actividades estanse a realizar obradoiros, charlas para profesionais da hostalería, pescaderías e consumidores, showcookings e talleres infantís. Nestas iniciativas están a participar cociñeiros de renome como Flavio Morganti, Emma Pinal e Héctor López.

Marisol Díaz, Jesús Vázquez e Rosa Quintanta 

Artigos relacionados

Back to top button