OurenseÚltima hora

Ourense celebra o Día do Guía de Turismo cunha visita á Catedral

Ao acto acudiron tanto o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, como a delegada da Xunta na provincia, Marisol Díaz, e o concelleiro de Turismo do Concello de Ourense, Jorge Pumar

Con motivo da celebración hoxe, 21 de febreiro, do Día Internacional do Guía Turístico, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz; e o concelleiro de Turismo e Termalismo, Jorge Pumar, participaron nunha visita guiada á Catedral organizada por este colectivo profesional.

O rexedor ourensán quixo salientar a “importancia capital que para Ourense ten o turismo” porque “temos uns recursos naturais, históricos e artísticos excepcionais que o pasado ano atraeron a máis de 30.000 persoas á cidade”, dixo.

Amparándose nestas cifras, Vázquez asegurou que Ourense é “un destino atraente” especialmente “no marco do turismo nacional”. Sen saíres das cifras, reiterou que isto ten que servir de “acicate para seguir a nosa aposta por accións promocionais e por posicionar Ourense coma un referente no turismo de proximidade dentro do Estado”, subliñou.

Asemade, loou o labor dos profesionais que guían a eses turistas que acoden á cidade para visitala e animou aos cidadáns da capital “a que se dean o pracer de visitar a cidade a través dos ollos dos guías turísticos”.

Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz, tamén puxo en valor “o importante traballo que desenvolven estes profesionais” que cualificou de “fundamental” para o sector turístico. Asemade, resaltou que ese labor é importante “para facer de Galicia un destino mellor, competitivo e de calidade”.

Artigos relacionados

Back to top button