DeportesÚltima hora

Ourense celebra o 32º Día da Bici o 16 de outubro

Partirá ás 12 horas da Alameda do Concello
Asistentes ao acto de presentación do 32º Día da Bici. // Foto: S.F.
Asistentes ao acto de presentación do 32º Día da Bici.

A cidade de Ourense volve a acoller un ano máis -e xa van 32- o Día da Bici, unha proba deportiva “de absoluta referencia” que espera contar coa participación dunhas 2.000 persoas. O evento foi presentado na mañá do xoves 13 de outubro no Pazo Provincial da Deputación de Ourense nun acto que contou coa presenza do deputado Juan Anta, o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González, o presidente da Fundación Ado-Moure Pro Deporte, Carlos Moure, e o edil de Deportes, Mario Guede, entre outros.

A actividade comezará ás 12 horas con saída dende a Alameda do Concello. Posteriormente, o itinerario discorrerá por Marcelo Macías, Avenida de Portugal, Ervedelo, Progreso, Pardo de Cela, Ponte do Milenio, Xesús Pousa, Eulogio Gómez Franqueira, Río Arnoia, Avenida de Santiago, Avenida das Caldas, Vicente Risco, Ponte Novo, Curros Enríquez, Sáenz Díez, Don Bosco, Pogreso e regreso á Alameda. Para participar, non é obrigatoria a inscrición pero os que así o fagan entrarán nun sorteo de catro bicicletas con cascos, cinco vales dobres de masaxes nas Termas de Outariz e dúas fins de semana para dúas persoas nun balneario. A inscrición pódese facer até o domingo na carpa habilitada na rúa do Paseo. Dende a organización tamén avanzaron que se repartirán 3.000 bolsas e 1.800 camisetas entre os asistentes.

“É unha cita significativa que tivo continuidade grazas á participación dos ourensáns”, afirmou o presidente da fundación, organizadora do evento. Explicou así mesmo que o evento nacera nun principio coa intención de concienciar á xente do uso da bicicleta, máis hoxe en día a reivindicación pasa por sensibilizar ás persoas na seguridade viaria á hora de utilizar este transporte, cada vez con máis adeptos. “Xa hai máis bicicletas que balóns nos fogares españois”, dixo Moure, que se mostrou partidario de que Ourense se sume ás cidades que contan con carrís bici. Ante esta demanda, Guede remitiu á Mesa de Mobilidade, que detallou que é a encargada de recoller e plantexar ideas sobre o modelo de cidade. Polo de agora, o domingo 16 será un día “familiar e festivo” onde a bicicleta volverá ser a protagonista.

Texto e foto: Sara Fontenla.

Artigos relacionados

Back to top button