OurenseÚltima hora

Ourense celebra o Día dos Animais cunha andaina, charlas e concurso de fotos

A Asociación de Propietarios de Mascotas deseña estas actividades para o vindeiro 16 de outubro
Un momento da presentación das xornadas "Convivir en harmonía", que terán lugar o 16 de outubro.
Un momento da presentación das xornadas “Convivir en harmonía”, que terán lugar o 16 de outubro.

Hoxe, 4 de outubro, conmemórase o Día Mundial dos Animais e o Concello de Ourense prepara unha programación especial para celebralo. “Convivir en harmonía” é unha iniciativa organizada pola Asociación de Propietarios de Mascotas de Ourense (Apmou) que busca levar a cabo un día de convivencia coas mascotas e alertar sobre os problemas que lles afectan, coma o abandono. Así, a primeira edición deste programa incluirá charlas, un concurso de fotos de animais adoptados e unha andaina para o vindeiro 16 de outubro. Isto foi presentado esta mañá no Concello polos organizadores, que estiveron acompañados da edil de Sanidade, Sofía Godoy.

Deste xeito o programa do 16 de outubro arrincará sobre as 16:30 horas cunha andaina dende o parque canino dos Salesianos até o Centro Cívico da Ponte. Os participantes poden asistir acompañados de animais ou sen eles. Durante as actividades, os portadores disporán de bolsas para a obrigada retirada dos excrementos da vía pública e os animais terán auga limpa e fresca, así como servizo veterinario.

Ás 17:15 horas, o mesmo Centro Cívico da Ponte acollerá diversas charlas-coloquio. Así, os asistentes poderán achegarse máis ao mundo das mascotas con títulos como “Que é un can, a súa comunicación e emocións”, “Educación social e terapia asistida con cans, a súa importancia e implicación a día de hoxe”, “Dereitos dos animais e as obrigacións dos responsables, normativa de tenza de animais e penas por maltrato ou abandono”, e “Verdades e mentiras sobre os gatos”.

Posteriormente, unha hora máis tarde, haberá xogos para os máis cativos, sempre implicando a animais, no patio do Centro Cívico. E ás 19:30 horas será a quenda do concurso “Preséntanos a túa mascota”, na que se reunirán os cans cos seus acompañantes -para iso hai que rexistrarse previamente- e contarán a súa historia e as súas experiencias como padriños, casas de acolida ou adoptantes, animando aos asistentes a facer estas prácticas.

Artigos relacionados

Back to top button