Facendo un símil co enxeñoso Don Quixote da Mancha “o xentilhome que apuntala sobre os seus propios pasos os alicerces dunha fantasía nunca acabada que loita pola gloria”, o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, comezaba a súa intervención no acto institucional do Día da Constitución, celebrado no Auditorio Municipal. “Xustiza, tolerancia, liberdade, solidariedade, honestidade, valentía, amor e respecto polo ser humano; a clarividencia ao servizo do inxenio, a intuición como precepto da humanidade,… son conceptos valiosos especialmente neste día, porque esos mesmos valores perseguidos polo fidalgo son os mesmos que inspiraron aos que tiveron o encargo de conformar o texto sometido á consideración das Cortes e do pobo español naquel lonxano ano de 1978”, dixo Castro.
Coma sempre, a intervención do subdelegado incluía palabras para os cativos participantes no concurso convocado pola subdelegación. “Igualmente fermosas, proclamadas hai xa 38 anos, a voz verdadeira do espírito de 1978 está presente de maneira maxistral, sorprendente, enriquecedora e modélica nas palabras e imaxes que os alumnos da provincia nos fixeron chegar, supoñendo unha complicada tarefa a elección dos exemplares gañadores”, dixo.
Ao acto de homenaxe á Carta Magna que cada ano rinde Ourense, asistían numerosas autoridades, entre elas o alcalde da cidade, Jesús Vázquez; e o presidente da Deputación, Manuel Baltar; o presidente do Parlamento Galego, Miguel Santalices; así como deputados por Ourense (como o barquense Moisés Blanco) e veciños de diferentes puntos da provincia como a concelleira de Cultura do Barco de Valdeorras, Margarida Pizcueta.
E trala intervención do subdelegado, entregábanse os agasallos aos cativos gañadores do 38º Concurso da Constitución, así como diferentes distincións: á institución Proxecto Home; á Asociación Española Contra o Cancro-Ourense; e ao garda civil Óscar Silva Ramos. O acto, incluíu asemade a imposición por parte do subdelegado de seis distincións á orde do Mérito Civil concedidas a compoñentes da Comisaría do Corpo Nacional de Policía e da Comandancia da Garda Civil de Ourense: Cruz de Oficial da Orde do Mérito Civil ao inspector xefe da Unidade de delincuencia especializada e violenta (UDEV) da Policía Nacional, da Comisaría Provincial de Ourense, Bernardo Caamaño Díaz; medalla ao mérito da protección civil na súa categoría de bronce e con distintivo azul ao garda civil, destinado no posto de Xinzo de Limia, José Francisco Araujo Nieves; e medalla ao mérito da protección civil na súa categoría de bronce e con distintivo azul ao garda civil, destinado no posto de Xinzo de Limia, Antonio Díaz Vázquez.
O apartado musical do 38º aniversario da Constitución correu a cargo da Banda de Música do Barco.
Fotos: Carlos G. Hervella.