OurenseÚltima hora

Ourense contará cunha nova praza, entre o Parque de San Lázaro e a Subdelegación do Goberno

As rúas da contorna serán de “acceso restrinxido” e a parada de taxis permanecería no mesmo lugar, desempeñando un importante servizo para a cidadanía

 

A cidade de Ourense contará cun novo e céntrico espazo para o lecer dos cidadáns: unha praza que estará emprazada entre o Parque de San Lázaro e a Subdelegación do Goberno. O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, cre que “esta idea vaille dar un pulo fortísimo á cidade”, ao tempo que reforza a vontade do grupo de goberno de reordenar o tráfico rodado e peonalizar novas rúas.

Gonzalo Pérez Jácome anunciou esta mañá que o Concello solicitará tres borradores para este proxecto a outros tantos estudos de arquitectura, “e de aí escolleremos o mellor para a cidade”, garante. Porén, a idea do rexedor inclúe “unha fonte central, árbores e un deseño urbano con grandes melloras”.

A creación desta praza obrigaría a reordenar o tráfico rodado, en principio, por tras da Subdelegación do Goberno e pola rúa de Xoán XXIII, quedando as vías da contorna de “acceso restrinxido”, como xa o son as da Concordia e a do Paseo. A parada de taxis permanecería na rúa Parque de San Lázaro, entre a intersección coas rúas do Paseo e de Santo Domingo, onde seguirá desempeñando un importante servizo para a cidadanía. “Esta ordenación do espazo que propón o goberno municipal”, afirma o rexedor, “influirá na calidade de vida dos veciños e permitirá que Ourense conte cunha superficie peonil continua desde o xardín do Posío até o centro da cidade”.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button