PolíticaÚltima hora

Ourense convértese en foro internacional sobre os incendios forestais

O Auditorio Municipal da cidade acollerá o seminario “Os incendios forestais na Unión Europea. O negocio do lume”, entre cuxos ponentes estará Davide Rodríguez, ex alcalde de Manzaneda
Imaxe do díptico do programa deste seminario.
Imaxe do díptico do programa deste seminario.

Bombeiros galegos e doutros puntos da xeografía española así como expertos de Grecia, Brasil ou Portugal participarán o vindeiro 1 de outubro en Ourense no seminario “Os incendios forestais na U.E. O negocio do lume”. Este encontro, organizado polo Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) e Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) en colaboración co Concello, reunirá na cidade das Burgas a máis dunha decena de relatores que abordarán a lacra dos lumes forestais que sofre tanto Galicia como outras partes do Estado e do resto de Europa e do mundo. E farano dende unha perspectiva crítica cos modelos de extinción e de prevención de lumes e coas políticas públicas e de empresas que entenden os incendios como que se foran un “negocio”.

A apertura deste foro, prevista para ás 10:45h. no Auditorio correrá a cargo da eurodeputada galega de AGE Lidia Senra, quen ademais moderará unha mesa de análise sobre “As causas do lume. Unha visión dende a perspectiva europea e internacional”. Nela tomarán parte Xosé Santos Otero (traballador forestal da Consellería do Medio Rural e membro do Consello Forestal de Galicia), Bárbara Loureiro Borges (enxeñeira forestal na Rexión Centro-Oeste de Brasil), Kostas Siampanopoulos (economista grego), así como Alfredo Campos (da Confederación Nacional de Agricultura de Portugal).

O seminario continuará pola tarde cunha nova mesa redonda adicada á temática do “modelo forestal. Como combater os lumes dende a xestión dos montes”, moderada por María Conde de Anova Ourense. Nela participarán como ponentes Davide Rodríguez, bombeiro forestal e ex alcalde de Manzaneda; Diego Sánchez, coordinador da área de montes do Sindicato Labrego Galego; e David Fernández Calviño, enxeñeiro de montes. O programa completarase cunha derradeira mesa redonda titulada “Historia dunha profesión. O papel dos bombeiros forestais na U.E.” na que tomarán parte os bombeiros Luís Chaín Galán, Clara Isabel Martínez e Manuel Martínez Méndez. A introducción correrá a cargo de Antón Sánchez, deputado no Parlamento galego.

Artigos relacionados

Back to top button
Close