EconomíaEconomíaÚltima hora

Ourense convértese na capital do turismo activo esta fin de semana con Sportur

Este salón coincide coa tradicional carreira popular de San Martiño que atrae a 11.000 corredores á cidade das Burgas

Sportur, o primeiro salón de turismo activo de Galicia, cortou hoxe, 17 de novembro, a súa cinta inaugural para ofrecer tres xornadas nas que se levarán a cabo diferentes actividades e máis de 100 expositores, entre eles os concellos de Trives ou Maceza, amosarán as súas ofertas en materia de turismo relacionado co deporte e a natureza durante toda a fin de semana.

Os encargados de cortar esta cinta foron a secretaria xeral de Turismo de Galicia, Nava Castro; a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez; a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz; o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.

Nava Castro asegurou que este salón “é unha aposta decidida que Ourense necesita”. Castro remarcou que o 5% das viaxes que se realizan en España “tiveron o deporte como obxectivo principal” e deses case 4 millóns que buscan deporte como xeito de pasar as súas vacacións, 1,4 millóns son locais, dixo a secretaria xeral. No eido do gasto, dixo que os españois deixaron neste tipo de alternativa turística 1.000 millóns de euros e os estranxeiros 1,3 millóns. Nava Castro reiterou que o turismo activo que ofrece Galicia “é sustentable e respectuoso coa natureza”. Así, o departamento que dirixe está a levar a cabo diferentes iniciativas, dentro da Estratexia Turismo 2020, “abrindo 18 experiencias de turismo activo na nosa comunidade”.

Pola súa banda, a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, estableceu que a alternativa de facer coincidir a carreira de San Martiño con esta cita fará que 11.000 participantes pasen por este salón. Asemade, reiterou que o que pretenden con esta cita “é amosarlle á xente todo o que ten Galicia, porque é moi grande”.

Neste eido, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, salientou o potencial da cidade e da provincia neste campo do turismo “xa que xera riqueza e emprego” por este motivo reiterou que a cidade “está encantada de abranguer este salón”.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button