OurenseÚltima hora

Ourense convoca o concurso de escaparates de Nadal

O prazo de inscripción remata o 15 de decembro ás 14:00 horas

O Concello de Ourense e a Cámara de Comercio convocan, un ano máis, o Concurso de Escaparates de Nadal, que alcanza a súa vixésimo oitava edición. Segundo rezan as bases, poderán participar todos os establecementos comerciais da cidade que se inscriban  antes do 15 de decembro na Concellería de Comercio (Praza San Martiño), a través do enderezo de correo escaparates@ourense.gal. O prazo límite para inscribirse remata ás 14:00 horas do propio día 15.

O concurso establece que os participantes deberán dispor os escaparates dende o 4 de decembro. Ademais, outro dos requisitos é deberá estar visible o distintivo de participación no concurso facilitado pola Concellería de Comercio no momento da inscrición. A ausencia do mesmo ou a intencionada dificultade para a súa localización, será causa de exclusión na participación do establecemento. Os escaparates, din dende o Concello, deberán estar iluminados ata as 22:00 horas.

O participante deberá enviar unha única fotografía do escaparate que concursa na que apareza o distintivo de participación indicando o establecemento comercial ao que pertence a fotografía enviada e o seu enderezo. O tema a desenvolver será sobre o Nadal, deixando total liberdade no tocante a técnica e estilo. O xurado valorará a través dos criterios de creatividade e orixinalidade; combinación de elementos e cores; iluminación e composición.

A valoración máxima por criterio será de 3 puntos, sendo o mellor escaparate o que máis se aproxime aos 9 puntos.

No eido dos premios non serán do tipo económico. Por ende, o primeiro clasificado gañará un ordenador valorado en 779 euros e un diploma. O segundo, unha televisión valorada en 699 euros, acompañada dun diploma. O terceiro finalista será galardoado cun equipo de son por valor de 399 euros e tamén un diploma. O premio ao mellor escaparate por votación popular será unha tablet. Ademais, entre todos os participantes haberá sorteos de Caldaria.

O xurado estará composto por un membro do Concello, outro da Cámara de Comercio e un profesional do mundo das artes. O público actuará como xurado do premio popular a través do seu voto na páxina de facebook que estará incorporado na web www.ourense.gal . O gañador será o escaparate que máis “gústame” acumule ás 12:00 do 20 de decembro.

O cartel deberá de estar visible nos escaparates para poder concursar.

Artigos relacionados

Back to top button