Galerías de fotosOurenseÚltima hora

Ourense corta as rúas para o seu multitudinario desfile cheo de luz, cor e música

Renata Tijerino, “Ninfa do Miño”, foi coroada como Raíña do Entroido 2018

O centro de Ourense ateigouse de xente na tarde de hoxe, 11 de febreiro,  para poder gozar do multitudinario desfile que congregou a máis de 60 comparsas, charangas e carrozas polas rúas da capital. Personaxes de Disney, guerreiros africanos, bolboretas con lume, músicos, animais, froitas ou astronautas foron algunhas das orixinais propostas que encheron de luz, cor e música a cidade.

Cara ás cinco da tarde arrancaba a cabeceira do desfile, coas Pitas de Eiroás, e pouco a pouco o ambiente foise animando durante máis de dúas horas de comparsas, carrozas, coreografías e moita diversión.

Finalmente, tras facer o percorrido, todos acabaron na Praza Maior, onde coroaron a Renata Tijerino “Ninfa do Miño” como Raíña do Entroido, recibindo un premio en metálico de 600 euros.

En canto aos premios do concurso de comparsas. O primeiro premio na categoría de “menos de 10 compoñentes” foi para “Altos Vuelos”, que recibiron 400 euros. O segundo, dotado con 300 euros, foi para Princesas Rusas e, finalmente, o terceiro -200 euros- foi para Ovos Sorpresa.

Na categoría de “máis de 10 participantes”, o primeiro premio foi para “El Gran Musical”, dotado con 900 euros. O segundo posto foi para “Visitantes na rúa”, con 700 euros e, para rematar, o terceiro posto, dotado cun premio de 500 euros, foi para “Os do Freixo”.

Finalmente, no eido dos premios especiais (dotados todos con 300 euros), “Pasos Africanos” gañou o premio á comparsa máis numerosa; “A Fraga da Ribeira Sacra” recibiu o premio á máis corrente ou graciosa; a mellor animación musical foi a de “Visitantes na rúa” e o mellor deseño foi para “Os cervexeiros de Canedo”. Finalmente, o premio para a mellor animación foi para “Os Arrieriños de Dacón”.

Fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button