OurenseÚltima hora

Ourense daralle a benvida ao Nadal cunha gran festa

Entre os eventos programados haberá unha sesión de DJ e un “Flashmob”, ademais dunha furgoneta informativa sobre consumo de alcohol e substancias
Árbore de Nadal instalada na Praza Maior de Ourense.
Árbore de Nadal instalada na Praza Maior de Ourense.

Ourense celebra mañá a chegada do Nadal cunha gran festa de animación na rúa chamada “Xa chega o Nadal”, recollida dentro da camapaña “Ourense con luz propia”. Os obxectivos principais desta actividade, organizadas polas áreas de Xuventude e de Sanidade, son “xerar dinámicas para que os colectivos cidadáns poidan compartir e vivir unha actividade de lecer divertida e enriquecedora, así como vincular o lecer a diversas actividades culturais e sociais”, en palabras de Sofía Godoy, titular das áreas organizadoras.

A praza do Correxidor acollerá unha carpa alumeada e decorada con motivos de Nadal que albergará, dende a media note ata as 03:00 horas, unha sesión DJ e animación a cargo de Guille de Melo. Entre as 01:30 e 02:15 horas realizarase un “Flashmob” na propia praza a cargo da Escola de Baile de Ourense, Estilo Libre. Unha actividade presentada e animada por Vidal López. Por outro lado, Papá Noel e un elfo estarán agasallando pulseiras coa imaxe da campaña “Ourense con luz propia” e felicitando o Nadal á xente. Tamén haberá un fotomatón de Nadal, onde todas as persoas que o desexen poderán fotografarse en grupo como recordatorio da noite.

Asemade, en colaboración coa consellería de Sanidade, esa mesma noite haberá unha furgoneta do Programa CREATIVE na praza do Ferro para informar e apoiar aos mozos e mozas en materia de abuso de alcohol e outras substancias.

Artigos relacionados

Back to top button