Deportes

Ourense despide o ano correndo

A cidade organiza tres eventos deportivos entre fin de ano e Aninovo: San Silvestre Ourensá, Canicross e Subida á Costiña de Canedo
Corredores na Ponte do Milenio.

Os amantes do deporte e das carreiras poderán despedir o ano en Ourense correndo. O Concello da capital organiza tres actividades que enlazarán o fin de ano co Aninovo na cidade: San Silvestre Ourensá, Canicross e Subida á Costiña de Canedo.

A primeira San Silvestre Ourensá percorrerá as marxes do río Barbaña o día de fin de ano pola tarde, para nenos e adultos. Segundo informan dende o consistorio, a media mañá de hoxe están apuntados 330 corredores: 224 en categoría absoluta e 106 en categorías de base. O prazo de inscrición seguirá aberto ata o martes 27 de decembro ás 23:30 horas.

O prezo da participación é de cinco euros. De xeito voluntario, cada participante terá a posibilidade de realizar unha doazón “Dorsal Cero” de 2 euros, que irá destinada á Cruz Vermella de Ourense.

A proba está organizada polo Club Deportivo Aurum, coa colaboración do Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense e coa autorización da Federación Galega de Atletismo. A San Silvestre Ourensá está dentro do calendario oficial de competicións da federación e estará controlada polo Comité Galego de Xuíces e Cronometradores da Delegación en Ourense da Federación Galega de Atletismo.

A recollida de dorsais e chips terá lugar en TURINI ( na rúa Cardenal Quevedo) a véspera da carreira (30 de decembro) de 16:30 a 20:30.

Canicross en Oira

O mesmo día, desde a primeira hora da mañá, a asociación de propietarios de mascotas ourensá organiza o I Canicross, que transcorrerá polos camiños paralelos da ribeira do río Miño con saída e chegada na explanada de Oira, xunto ao merendeiro. As inscricións realizaranse alí mesmo.

O control veterinario e entrega de dorsais será ás 09:00 horas, cunha reunión informativa ás 09:45 horas e saída ás 10:30 horas. Para poder participar será necesario presentar no Control Veterinario a Cartilla de Vacinación do can (ou Pasaporte), actualizado, asinado e selado por un veterinario colexiado, e o certificado de implantación do micro chip obrigatorio, e a documentación oficial do can. Está previsto tamén que se realicen revisións clínicas aos animais á chegada para contrarrestar os posibles trastornos durante a carreira.

Subida á Costiña de Canedo

O calendario deportivo de 2017 na cidade arrancará un ano máis, e xa van 24 edicións, ás 12:00 do día 1 de xaneiro, coa Subida á Costiña de Canedo, que organizan Saturnino González Novoa e o Club Atletas Veteranos Ourense. A proba tamén pertence ao calendario da Federación Galega de Atletismo e estará controlada polo Comité Galego de Xuíces da FGA (Delegación de Ourense).

A distancia é orientativa e non homologada, cun percorrido aproximado de 4.200 metros, na que cada participante poderá inscribirse nunha das tres modalidades: a pé, con cans ou con bicicleta.

O percorrido sae da Praza de Eirasvedras e segue por Quintela, rúa Canedo, Santoufe, rúa Pazo de Eiroás, rúa Costiña de Canedo, estrada castro a Palmés OU-0521, ata chegar á meta, no “lugar da igrexa”, entre a capela e o cemiterio.

A inscrición custa 5 euros (agás menores de 14 anos, para os que será gratuíta), e pódese realizar por internet na dirección: www.carreirasgalegas.com ata o día 27 de decembro, ou presencialmente, antes dio día 23, nos comercios Redonet, Garpe Sport e D y Campo y Ocio.

A retirada de dorsais será o día 30 na cafetería do Pavillón dos Remedios, de 10h a 20h ou o día da proba na Praza de Eirasvedras, de 9 a 11.30 h.

Artigos relacionados

Back to top button