OurenseÚltima hora

Ourense é unha das cidades máis seguras de España

A Xunta de Seguridade Local mantivo unha xuntanza esta mañá e apuntaron que hai unha tendencia á baixa das infraccións penais nos primeiros meses do ano
Jesús Vázquez e Roberto Castro co-presidiron a Xunta.

A Subdelegación do Goberno acolleu hoxe, 15 de xuño, a reunión da Xunta Local de Seguridade de Ourense, co-presidida polo subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro García, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad e na que participaron a delegada da Xunta en Ourense e membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, da Policía Autonómica, da Policía Local e colectivos veciñais.

Nesta reunión salientaron que os datos expostos amosan que “continúa a tendencia á baixa das infraccións penais nestes primeiros meses do ano con respecto das infraccións penais ao mesmo período do ano pasado, sendo este descenso máis acusado nos delitos que xeran maior alarma social como son os roubos con violencia; roubos con forza en domicilios e establecementos. Tamén descenden os casos de sustración en vehículos e o número de estafas con tarxetas de crédito”.

Tamén apuntaron que a eficacia policial incrementa os seus indicadores de resolución de delitos, existindo menos denuncias e máis detidos. Tamén descende o número de manifestacións e concentracións, así como as actas de incautación de drogas. O único apartado no que a evolución da criminalidade foi negativa, é no de roubo con forza en anexos a vivendas, que se incrementou levemente.

Tamén hai un breve repunte nos detidos pola lei de estranxeiría, levándose a cabo varios operativos para evitar fraudes na regularización en España polas vía de matrimonios fraudulentos ou fraudes á seguridade social, o que deu lugar a un incremento na tramitación de expedientes de expulsión.

Na xuntanza salientaron o descenso de incautación de drogas.

Así mesmo, as Forzas e Corpos de Seguridade desenvolveron un total de 166 servizos humanitarios neste primeiro semestre: auxilio a persoas maiores que viven solas, persoas eivadas e apoio ao 061.

Tendo en conta todos os datos coñecidos, o Subdelegado do Goberno, Roberito Castro, salientou que Ourense segue a ser unha das cidades con índices delictivos máis baixos de Galicia e de España. Castro manifestou a súa satisfacción “polo expemplar labor que a diario levan a cabo cada un dos membros do Corpo Nacional de Policía a prol da seguridade e benestar dos ourensáns”.

No mesmo senso, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez,  salientou a importancia da colaboración entre os Corpos e Forzas de Seguridade do Estaco e a Policía Autonómica e Local xa que, tal e como apuntou, “a seguridade é algo no que todos debemos implicarnos, tal e como está facendo, a xulgar polos datos e índicas explicados pola Xunta Local”. Asemade, o rexedor municipal aproveitou a ocasión para reivindicar a necesidade de esforzarse na loita conta o vandalismo na cidade “un problema que supón perdas materiais anuais de 200.000 euros para todos os ourensáns”, cifrou.

Plan Turismo Seguro

Por outra banda, a Policía Nacional redobrou os seus esforzos no eido escolar con máis actividades e maior presenza para mellorar a convivencia e a seguridade nos centros educativos. Duplicou o operativo de vixiancia nos colexios, desactivando posibles puntos de venta de drogas dentro do “Plan do Tráfico Minorista de drogas no entorno escolar”. Desenvolveronse as charlas informativas sobre redes sociais, acoso escolar,  drogas e alcool, violencia de xénero…

Na Xunta Local de Seguridade desta mañá tamén se falou da iniciativa, Plan Turismo Seguro, impulsada pola Secretaría de Estado de Seguridade, co obxectivo de previr a delincuencia itinerante, pondo en marcha dispositivos de control en estacións de autobuses, tren e vías de entrada á cidade. Unha das súas finalidades é a de previr a delincuencia en zonas de ocio; así como complementar as medidas dispostas no Plan Director, mellorando a seguridade no ámbito do sector turístico a través da protección que proporcionan a diario os axentes das Forzas e Corpos de Seguridade, pero tamén a través de accións preventivas que eviten que se produzan actos ou comportamentos delictivos. Neste senso, axentes de participación cidadá efectuarán visitas a hoteis, parkings, axencias de viaxe, axencias de aluguer de vehículos; accións incluídas no “Plan Comercio Seguro” co fin de mellorar a prevención de feitos delictivos dos que son vítimas os comerciantes e os seus potenciais clientes, principalmente:furtos, roubos con violencia ou intimidación, roubos con forza e fraudes.

Con respecto ás edicións anteriores, faise una aposta decidida polas novas tecnoloxías ao servizo da seguridade como por exemplo a tramitación de denuncias a través de internet no portal da Policía.

 

Artigos relacionados

Back to top button