Galerías de fotosOurenseÚltima hora

Ourense honra ao San Martiño

Coa procesión e misa na Catedral arrancaban os actos polo patrón da cidade

“Permíteme, meu Señor San Martiño, que por primeira vez como Alcalde, e con voz prestada polos homes e as mulleres de Ourense, participe nesta festividade de homenaxe da cidade ao noso patrón, e manteña así, o compromiso permanente desta Alcadía coa historia, coas raíces e coas tradicións”. Con estas palabras, arrancaba a ofrenda ao San Martiño de Jesús Vázquez Abad, no decurso da misa maior celebrada nesta mañá na Catedral.

Hoxe 11 de novembro, festivo en Ourense, é o día en que a cidade honra ao seu patrón coa procesión dende a praza Maior ata a Catedral de San Martiño, e a posterior eucaristía harmonizada pola Coral do Liceo de Ourense, na que se deron cita centos de devotos encabezados polos membros da corporación municipal. Pero tamén é o día en que se celebra a Festa do Magosto que regresará á Alameda cun programa de actividades para todas as idades que recolle “o mellor da nosa tradición”, en palabras da concelleira de Cultura, Belén Iglesias, e no que se repartirán 1.000 quilos de castañas asadas, dúas mil racións de chourizo, auga ou viño polo prezo de un euro.

Nesta gran festa dos ourensáns, haberá fogueiras con magosto espallados por toda a cidade pero o do Concello arrancará ás 17h. e contará coa degustación de castañas e chourizo, obradoiros infantís e animación musical a cargo do Grupo de Gaiteiros Furafoles e de Os Carunchos,

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button