Galerías de fotosOurenseÚltima hora

Ourense honra ao seu patrón cun solemne acto na Catedral de San Martiño

O alcalde, Jesús Vázquez, fixo a tradicional ofrenda na conmemoración dos 1.700 anos do nacememento do santo

Hoxe é un día importante na cidade das Burgas. Hoxe, 11 de novembro de 2016, Ourense rende culto ao seu patrón, San Martiño, no ano en que se conmemoran os 1.700 anos do seu nacemento. E nada mellor que honralo cun solemne acto litúrxico na súa Catedral.

Os actos comezaban na praza Maior pasadas as dez e media da mañá, co percorrido encabezado pola corporación municipal ao son da Real Banda de Gaitas rumbo ao templo adicado á figura de San Martín de Tours. Alí, diante de todos os asistentes (Arcebispo-Secretario da Congregación dos Institutos da Vida Consagrada e das Sociedades de Vida Apostólica, Bispos de Galicia e do Norte de Portugal, Clero Catedralicio, Arciprestes e mesmo o presidente da Xunta, entre outros), o alcalde de Ourense, Jesus Vázquez, emitía a tradicional ofrenda. Nela pedíu para os seus veciños, “aos que represento e aos que me debo, a mesma protección que nos prestas desde hai tanto tempo. E con especial incidencia para aquelas persoas que máis teñen sufrido nos últimos anos por mor da feroz crise que nos asolou”.

Vázquez Abad lembrou que hai só uns días participaba no 50 aniversario de ASPANAS, “que no último medio século avogou pola integración das persoas con discapacidade. Igualmente, coñezo de preto o labor de Cáritas, da Cruz Vermella, do Banco de Alimentos e de todas e cada unha das asociacións que traballan de xeito altruísta para axudar a quen máis o necesita”. Por iso pediu para eles “o teu alento e tamén que, entre todos, sexamos quen de alcanzar a ambición colectiva de que cada vez haxa menos xente que precise da nosa axuda porque teñan cada vez máis oportunidades, especialmente en forma de emprego, en cantidade e en calidade”.

O alcalde tamén pediu ao santo nos guie a todos, “especialmente aos que temos responsabilidades públicas, cara ese punto no que todos entendamos que só dende a colaboración e o consenso lograremos a fórmula perfecta para traballar con máis acerto polos demais”, porque “o futuro de Ourense está nas nosas mans”, dixo o rexedor “sendo a nosa obriga servir á cidade co mellor dos temperamentos”, pechando a ofrenda co desexo de que “esta cidade siga sendo fiel seguidora da acción xenerosa do seu patrón”.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button