SanidadeÚltima hora

Ourense incorpora á súa área docente as especialidades de cirurxía vascular, uroloxía e enfermería pediátrica

O vindeiro luns iniciase a “Semana de portas abertas para futuros residentes” no Hospital Universitario de Ourense

Detalle do cartel das xornadas de portas abertas para futuros residentes en Ourense.

 

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras incorporará no curso que vai comezar a Anxioloxía e Cirurxía Vascular, Uroloxía e Enfermería Pediátrica á súa carteira docente de formación especializada, o que eleva a 26 as especialidades ofertadas ás que poderán acceder os futuros residentes que en breve elixirán destino entre todos os centros sanitarios do país.

“Para promover o coñecemento da nosa área entre os futuros residentes, a Comisión de Docencia é a Unidade Docente Multidisciplinar de Atención Familiar e Comunitaria, organiza a “Semana de Portas Abertas para Futuros Residentes”, que se inicia este luns (do 9 ao 13 de marzo) e permitirá aos e ás futuras especialistas das distintas especialidades das ciencias da saúde un contacto directo coa nosa área docente, centros e actividade. Trátase de darlles información de primeira man para axudalos a decidir onde desexan formarse, nesta decisiva etapa de Formación Sanitaria Especializada (MIR, EIR, PIR, FIR, etc.) e que, previamente a tomar esta decisión, coñezan o día a día nos centros sanitarios públicos de Ourense, afondando na formación, actividade asistencial, investigación, proxectos de innovación e instalacións. Ofrecendo, ademais, un contacto directo cos que serán, de elixir praza en Ourense, seus futuros titores e residentes maiores”, segundo a área sanitaria ourensá.

Para lograr que a experiencia sexa o mais personalizada posible, os futuros residentes interesados poden inscribirse, ou contactar previamente coa Comisión de Docencia, nos teléfonos 988 369 822 ou 988 066 7776, ou por correo electrónico na dirección: unidadedocente.ourense@sergas.es. Isto permite programar as visitas de xeito individualizado, en función das áreas ou especialidades de interese de cada alumno ou alumna xa que, nalgúns casos, son mais de unha, ou aínda non teñen unha decisión pechada, por elo, o mellor é adecuar cada visita ás súas necesidades.

153 residentes e 26 especialidades ofertadas

Coas novas especialidades, a Área Sanitaria de Ourense oferta formación posgraduada, nun total de 26 disciplinas. Vía MIR inclúe as de Análises Clínicas, Anestesioloxía e Reanimación, Anxioloxía e Cirurxía Vascular, Aparello Dixestivo, Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo, Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, Hematoloxía e Hemoterapia, Medicina Familiar e Comunitaria, Medicina Intensiva, Medicina Interna Medicina Preventiva e Saúde Pública, Nefroloxía, Neumoloxía, Obstetricia e Xinecoloxía, Oftalmoloxía, Oncoloxía Médica, Otorrinolaringoloxía, Pediatría e Áreas Específicas, Psiquiatría, Radiodiagnóstico e Uroloxía.

Ademais, en enfermería (EIR), este ano súmase a especialidade Pediatría ás existentes en Familiar e Comunitaria, Obstétrico-Xinecolóxica e Saúde Mental. Ás que se suman outras unidades docentes acreditadas como Farmacia Clínica (FIR) e Psicoloxía Clínica (PIR). En conxunto, Ourense acolle cada curso ao redor de 40 novos estudantes, o que lle permite completar os respectivos programas de formación dun xeito moi personalizado.

5.9 millóns de euros para formación de residentes

Na actualidade a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O barco de Valdeorras é responsable da formación postgrao de 153 residentes, o que a converten nunha importante área de docencia universitaria fora do campus, función que convive coa súa labor función asistencial, investimento de futuro ao que adica 5.9 millóns de euros dos seus orzamentos deste ano 2020.

O sistema sanitario público de Ourense ten unha dilatada experiencia na formación universitaria postgrao, con mais de 40 anos de docencia, vía MIR, nas distintas especialidades hospitalarias e, desde 1991, de Atención Primaria.

Para guiar aos futuros especialistas ao longo de toda súa formación, e coordinar súa formación teórico-práctica, o Servizo Galego de Saúde conta en Ourense con preto dun centenar de titores e colaboradores docentes, vencellados as distintas unidades e centros de docencia. Ademais do Hospital Universitario de Ourense, a provincia conta con seis Centros de Saúde acreditados polo Ministerio de Sanidade para a formación postgrao, os de Valle Inclán, A Ponte, Novoa Santos-O Couto, A Cuña, A Carballeira, Carballiño e Xinzo de Limia.

A duración da etapa de aprendizaxe dos novos residentes depende da especialidade elixida. A maioría completarán no centro que elixan un mínimo de catro anos, cinco no caso das disciplinas cirúrxicas e da Medicina Interna, e tres nas especialidades de enfermería.

Acreditación de Calidade

Ourense é a única Área Sanitaria de Galicia cunha “Unidade Docente Multiprofesional de Atención Familiar e Comunitaria, con certificación de calidade ISO 9001:2015, acreditación que revalidou o pasado ano, adaptándose aos esixentes cambios na sistematica de acreditación e homologación continua, que migrou da versión 2008 á 2015. O mantemento e revalidación desta esixente certificación de calidade foi posible grazas a un importante traballo, desenvolvido por un grupo de traballo multidisciplinar formado por profesionais deste servizo en colaboración coa Unidade de Calidade, Docencia e Investigación”, segundo o Sergas.

Artigos relacionados

Back to top button