OurenseÚltima hora

Ourense maniféstase no Primeiro de Maio contra a reforma laboral e a perda de poboación

Os sindicatos saíron hoxe ás rúas da capital en manifestación para conmemorar o día 1 de maio, Día Internacional dos Traballadores. Por unha banda, a manifestación máis numerosa foi convocada por Comisións Obreiras (CCOO) e UXT (Unión Xeral de Traballadores)  que saíu cara ás doce da mañá do Pavillón dos Remedios. Centos de persoas percorreron a rúa do Progreso, Xoán XXIII e remataron diante da Subdelegación do Goberno, onde leron un manifesto. Tras eles, cara ás doce e media, saíu a manifestación da CIG.

Por outra banda, a CUT, CNT e CXT saíron á mesma hora pero dende a praza de Concepción Arenal, fronte a Audiencia Provincial, en dirección Avenida da Habana.

Os temas centrais das reivindicacións por parte da maioría dos sindicatos foron, principalmente, a petición da derrogación da reforma laboral do 2012 “que levou a un empobrecemento da clase traballadora, á perda dos dereitos laborais e a debilitación da negociación colectiva”, asegurou Pedro Barreiros de Comisións Obreiras. Quen tamén pediu un plan de industrialización “que permita a esta cidade saír da miseria na que está inmersa”. E criticou as políticas “caciquís e mercadeiras, que son un hándicap para a modernización que a cidade e a provincia precisa”.

Pola súa banda, o secretario xeral de UXT-Ourense, Serafín Alonso, animou á xente á saír á rúa neste Primeiro de Maio para que “o beneficio económico que están a ter as grandes empresas reverta nos petos da xente e se vexa de novo esa riqueza”.

Outro dos eixos polos que xiraron as reivindicacións deste un de maio, foi a perda de poboación da provincia: “De continuares coas políticas actuais do Partido Popular, haberá unha perda de poboación insostible na provincia. A nosa mocidade está marchando, nunha marcha silenciosa, para intentar buscar o emprego que aquí se lles nega”, dixo o secretario comarcal da CIG, Etelvino Blanco. Que tamén fixo referencia ás pensións “que son as máis baixas do Estado”, asegurou.

Finalmente, dende o bloque da CUT, CNT e CXT leron un manifesto no que animaron á clase traballadora a “manifestarse con orgullo” e insistiron na derrogación da lei mordaza, pediron amnistía “para todas as persoas presas encausadas, despedidas dos seus traballos por loitaren”, así como unha renda básica “como garantía de supervivencia”. Tamén pediron “uns servizos públicos como dereitos fundamentais”

Texto e fotos: Carlos Asensio.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button