OurenseÚltima hora

Ourense mellorará a sinalización das termas grazas a un convenio con Turismo de Galicia

O convenio conta cun orzamento de 116.000 euros e tamén contempla a promoción do turismo ourensán a través das redes e internet
Nava Castro e Jesús Vázquez. // Foto: Carlos Asensio. 

Un convenio asinado entre a Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, e o Concello de Ourense, impulsará a promoción turística da cidade, especialmente en aquelas cousas relacionadas co Termalismo.

Este convenio conta cun orzamento de 116.000 euros e contempla as actuacións “en dous vertentes diferentes”, dixo o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, na rolda de prensa de hoxe, 6 de xullo, posterior á sinatura do convenio coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. Esas dúas vertentes contemplan “a mellora das infraestruturas turísticas ras ribeiras do río Miño dotándoas de infraestruturas e equipamentos”, informou Vázquez, “así como a recuperación da biodiversidade”. Asemade, mellorarase a sinalización dos puntos termais de Ourense “para facilitar a chegada dos turistas”, cun custo de 20.000 euros, e a promoción a través das redes sociais e internet cun vídeo promocional. Así, Turismo de Galicia achegará 103.000 euros e o resto será aportado pola Concellería de Turismo.

Pola súa parte, Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, salientou a importancia deste convenio para “seguir impulsando a promoción turística neste concello”. Resaltou que o ano que vén “renovarase o convenio” e que “Ourense ten que estar preparada para a chegada do ave no 2019 e para o ano santo de 2021”.

Neste senso, Castro aportou certos datos do turismo na provincia: “No que levamos de ano, a provincia rexistrou máis de 110.000 viaxeiros aloxados e 212.000 pernoitas, cifras superiores ás do mesmo período do ano pasado”, dixo. Asemade, o itinerario xacobeo da Vía da Prata “foi escollido por preto de 4.000 peregrinos”.

Texto: Carlos Asensio.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button