En portadaÚltima hora

“Ourense Norte Reacciona” logra unha axuda de 294.371 euros para apoiar ao comercio e aos produtores locais

Esta iniciativa, que agrupa a 16 concellos, busca mellorar a competitividade e capacidade do tecido comercial e produtivo cunha plataforma de comercio e técnicas dixitais

Imaxe dunha reunión dos concellos da iniciativa “Ourense Norte Reacciona”./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O proxecto “Ourense Norte Reacciona”, que nacía o pasado outubro para captar fondos europeos de recuperación, vén de lograr a súa primeira axuda concedida. Trátase dunha novidosa iniciativa que agrupa a 16 concellos da provincia (San Xoán de Río, Parada de Sil, Manzaneda, Chandrexa de Queixa, A Teixeira, Montederramo, Esgos, A Rúa, Nogueira de Ramuín, Vilariño de Conso, Larouco, Petín, Xunqueira de Espadanedo, O Bolo, A Veiga e Viana do Bolo) que realizaban a súa primeira solicitude cun proxecto na liña de apoio comercial.

Agora vén de coñecerse que a súa solicitude venlles de ser concedida e ascende a un total de 294.371 euros. “É un proxecto integral de apoio os comerciantes e produtores locais dos 16 concellos” e que pretende dar resposta a dous grandes problemas: a mellora da competitividade e capacidade do tecido comercial e produtivo (a través dunha plataforma de comercio e técnicas dixitais e de marketing) e ao incremento da demanda interna de produtos (evitando que a poboación compre na capital da provincia) e a externa”, tal e como se avanza dende esta agrupación de concellos.

Así o proxecto apóiase en dous piares. O primeiro deles será a creación dunha plataforma dixital na que todos os comerciantes e produtores locais expoñan os seus produtos e na que o conxunto da poboación os adquira. Por outra banda, está o deseño e posta en marcha dunha rede ecolóxica de distribución entre os 17 concellos para facilitar a compra de produtos.

Dende Parada de Sil, un dos concellos participantes no proxecto, ponse en valor esta iniciativa e “agárdase que o comercio local dos 17 concellos adquira un pulo importante e permita a creación de postos de traballo e con elo o asentamento de poboación”.

Artigos relacionados

Back to top button