EconomíaEconomíaÚltima hora

Ourense prepara a súa I Feira de Antigüidades

Celebrarase do 14 ao 16 de novembro e reunirá a 40 anticuarios en Expourense
Presentación da mostra de antigüidades de Ourense.
Presentación da mostra de antigüidades de Ourense.

É unha proposta “apta para nostálxicos”, en palabras da organización. A través de obxectos como postais, discos de vinilo, xoguetes, teléfonos, máquinas de escribir, mobles, xoias, porcelanas, obxectos vintage, apeiros de labranza ou libros a I Feira de Antigüidades de Ourense propón unha viaxe pola historia.

Este salón celebrararase entre o 14 e o 16 de novembro en Expourense e nel exporanse máis de 30.000 pezas. A cita congregará a 40 anticuarios de Galicia, así como doutros puntos de España e mesmo do exterior, tal e como se daba a coñecer na presentación deste certame na mañá do 10 de novembro en Ourense. “Trátase dun sector que apenas sae de Galicia, e ésta tamén vai ser unha gran oportunidade para eles de poñerse en contacto cos anticuarios de sitios como Valencia, Andalucía, Asturias, Castela e León, Madrid, A Rioxa e Francia”, apuntaba Ángel Moix, xerente de NouGrupFiral, empresa organizadora do evento.

A diferencia das feiras de antigüidades que se realizan no exterior, dende a organización incídese en que “poderemos ver eses obxectos que nunca se amosan na rúa por temor a que se estropeen na intemperie”. A mostra está dirixida a todo tipo de público e incluirá gran variedade de antigüidades, se ben predominarán os obxectos de pequeno tamaño e os mobles. O prezo da entrada é de 3 euros e permite acceder os tres días ao recinto para dar tempo a los visitantes a “bucear” entre os 30.000 produtos expostos.

A parte de ser un punto de venta, esta feira tamén pretende servir para que os visitantes fagan negocio con aquelas cousas antigas que gardan nas súas casas. Así os interesados poderán coñecer o prezo estimado das antigüidades que posúan e facer negocio se así lles interesa, segundo se indica dende a organización.

Artigos relacionados

Back to top button