EconomíaEconomía

Ourense presenta en Madrid o seu potencial turístico en Nadal

Jesús Vázquez salientou o termalismo e as actividades programadas para este período, así como os beléns típicos da cidade

A Casa de Galicia en Madrid acolleu esta mañá a presentación da campaña “Un paseo polo Nadal de Galicia”, organizada pola Axencia de Turismo de Galicia. Nesta cita non faltou a representación de Ourense de mans do seu alcalde, Jesús Vázquez, que falou do potencial turístico da cidade das Burgas durante este período de Nadal.

Jesús Vázquez presumiu do potencial termal de Ourense. “Ser a capital termal de Galicia non é un título gratuíto”, asegurou. Vázquez explicou que baixo o chan de Ourense hai “un océano de auga quente que nos permite tomar baños á luz da lúa nunha piscina gratuíta integrada en pleno casco histórico (…) algo do que sen dúbida poucas capitales poden presumir”.

O alcalde tamén se referíu a Ourense como “a Capital do Nadal de Galicia” avalando as súas palabras coa programación de actividades das festas: “unha programación de 200 actividades pensadas nun turismo familiar”, poñendo como exemplo o Ciclo de Lírica “con figuras de primeiro nivel nacional e internacional de ópera e zarzuela”, a feira para mozos emprendedores “Pop up Store” e “lugares con encanto para fotografar e levarse de Ourense o mellor recordo nestas datas”.

Pero se hai algo que Jesús Váquez destacou como típico do Nadal ourensán son os beléns: “á novidosa iniciativa que puxemos en marcha este ano (unha recreación a tamaño real dos xardíns do Padre Feijóo) unímoslle os xa tradicionais que forman parte do patrimonio cultural e emocional de Ourense: o Belén de Baltar e a exposición ‘Belenes del Mundo’ do Obispado, así coma o concurso de beléns da cidade”.

Canda ao alcalde de Ourense estiveron tamén na presentación o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, que dixo que a Casa de Galicia está aberta para promocionar e difundir “os inmensos atractivos da nosa comunidade”; a concelleira de Turismo e Comercio de Viveiro, Marisol Rey, que describiu a súa vila como “un lugar único” no que ademais de natureza, gastronomía e poseer un gran patrimonio histórico relixioso e civil, hai un belén de tamaño natural “que ofrece ao visitante a sensación de atoparse na época, formando parte dunha gran escena”; e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que na súa intervención salientou que este programa demostra que “Galicia é un destino multiexperiencial, cunha grande oferta turística para todos os públicos”.

 

Artigos relacionados

Back to top button