OurenseÚltima hora

Ourense presenta os campamentos “Explora Ourense” e “Natur-Camp”

Ofrecerán actividades deportivas, culturais, musicais e de natureza entre xullo e agosto

O complexo turístico do Corgo (Muíños) acollerá este verán, novamente, os campamentos “Explora Ourense” e “Natur-Camp”, que ofrecerán actividades deportivas, culturais, musicais e de natureza aos ourensáns de entre 9 e 17 anos.

A actividade será “nun dos lugares máis emblemáticos da nosa provincia, perfectamente disposto para desenvolver estes eventos con éxito acreditado en todas as anteriores edicións, e con total satisfacción dos usuarios e das persoas que os atenderon”, destacou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, na presentación, que tivo lugar hoxe na sala de prensa do Pazo Provincial, onde estivo acompañado polo alcalde de Muíños, Plácido Álvarez; o representante de Sustinea, Paulo Vázquez; e o representante de La Casa de la Música, Fernando Calvo.

 

Durante a presentación da actividade.

 

O tradicional campamento “Explora Ourense”, que leva seis anos celebrándose, volve ao calendario estival para que 50 rapaces de entre 9 e 14 anos, en diferentes quendas, “poidan coñecer a riqueza natural e cultural da nosa provincia”.

Desenvolverase do 1 ao 6 de agosto para 25 rapaces de 12 a 14 anos; e do 7 ao 12 de agosto, para 25 rapaces de entre 9 e 11 anos. Os interesados en participar poderán inscribirse desde mañá, 7 de xullo ata o 16 de xullo, e deberán formular a inscrición no Rexistros da Deputación ou dos concellos da provincia. A cota de inscrición para participar no campamento é de 88 euros.

A segunda actividade presentada hoxe foi “Natur-Camp”, un campamento que ofrecerá á mocidade de 12 a 17 anos, un variado programa de actividades culturais e deportivas. “Natur-Camp”, que se celebra por segundo ano, desenvolverase do 25 ao 31 de xullo, en Muíños, para que a mocidade de 12 a 17 anos, ata cubrir as 40 prazas ofertas, poidan realizar as actividades que se planificaron ao redor de dous pilares: no apartado musical con propostas de iniciación ao canto, á guitarra, ao baile moderno, para o que non é necesario ter coñecementos previos, e tamén haberá actividades propias dos campamentos de verán como sendeirismo, actividades náuticas ou escola de patinaxe.

Os interesados en participar poderán inscribirse desde mañá ata o 15 de xullo e poden recollerse os impresos no Rexistro da Deputación ou ben a través da páxina web de La Casa de la Música, e deberán presentalo nas oficinas de Rexistro da Deputación. A cota de inscrición é de 88 euros. En ambos campamentos, se hai máis solicitudes que prazas, procederase a realizar un sorteo.

Artigos relacionados

Back to top button