Galerías de fotosOurenseÚltima hora

Ourense presentará en FITUR a nova campaña turística “DeXconecta Ourensanamente”

O acto será mañá, 23 de xaneiro, ás 14 horas no expositor de Galicia en IFEMA (Madrid)

Emprazada no expositor de Galicia (Pavillón 9, entrada pola Porta Norte), a través da Concellería de Turismo, e co lema promocional “DeXconecta Ourensanamente”, a cidade de Ourense estará presente na Feira Internacional de Turismo de Madrid (FITUR), un evento que marca o inicio do ano turístico e polo que pasaron 245.000 visitantes na última edición.

A presentación do destino Ourense será mañá, mércores 23 ás 14 horas, nun acto que contará coa presenza do alcalde Jesús Vázquez, da delegada territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz e do concelleiro de Turismo e Termalismo, Jorge Pumar. Exercerá como mestre de cerimonias e embaixador de Ourense o actor Sergio Pazos.

Tal como avanzan dende o Concello, na posta en escena de “Dexconecta Ourensanamente”, unha invitación para descubrir Ourense sen présa, gozando do momento, a través do termalismo e do benestar, a relaxación, a desconexión e a saúde, apelarase ao turismo intelixente, “o resultante de escoitar os visitantes e darlle forma á cidade que eles contan, unha mensaxe construída da suma dos datos recompilados e das experiencias que inspiraron os visitantes para podérllela amosar aos que aínda non a coñecen”.

FITUR tamén será o escenario para a presentación das principais citas do calendario feiral de Ourense: o Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar, e a Feira Internacional de Turismo Termal, de Saúde e Benestar Termatalia.

Artigos relacionados

Back to top button