OurenseÚltima hora

Ourense, primeira cidade galega en repetir unha lanzadeira de emprego

O Concello presenta a segunda edición deste programa, que axudará a 20 persoas desempregadas con idades comprendidas entre os 18 e os 59 anos
Dende a esquerda, Prieto, Vázquez, Pumar, Cruz e Menéndez, na presentación da nova lanzadeira.
Dende a esquerda, Prieto, Vázquez, Pumar, Cruz e Menéndez, na presentación da nova lanzadeira.

O Concello de Ourense perfílase como a primeira cidade galega en repetir unha lanzadeira de emprego. Na mañá do 14 de outubro, o alcalde da cidade, Jesús Vázquez, e o edil de Promoción Económica e Emprego, Jorge Pumar, anunciaban a segunda edición deste programa cuxo obxectivo é axudar a persoas desempregadas e impulsalas a atopar traballo ou a iniciar o seu propio proxecto. No acto de presentación tamén estiveron presentes os representantes da Fundación Telefónica, Joan Cruz e Marta Menéndez, e Marta Prieto, en representación da Fundación Santa María La Real. Ambas institucións impulsan estas iniciativas por todo o territorio nacional.

Nesta segunda lanzadeira de emprego, a principal novidade reside na ampliación do rango de idades dos candidatos. Fronte á primeira edición, que se enfocou a un público xoven, nesta ocasión o obradoiro seleccionará a persoas con idades comprendidas entre 18 a 59 anos. Serán 20 prazas as que se ofertarán e para as que os interesados deberán inscribirse até o 18 de novembro. Posteriormente, celebraranse unhas charlas informativas e abrirase unha ronda de entrevistas persoais para proceder á selección final. O programa inclúe cinco meses de formación a partires de finais de novembro en horario de mañá, de luns a venres.

“Fomentar o emprendemento e animar a que os nosos veciños poidan completar a súa formación”, así definía o alcalde o obxectivo desta iniciativa que, segundo di, “nos coloca na Champions da formación”. Lembrou que o balance da anterior edición foi “positivo”, tras acadar unha taxa de inserción laboral do 60% e fixo fincapé na ampliación do rango de idades dos candidatos porque “o problema do desemprego é de toda a sociedade en xeral”.

Para apuntarse, os interesados deberán inscribirse na web www.lanzaderasdeempleo.es. Tamén poden obter máis información no teléfono 988 26 93 29.

Texto e foto: Sara Fontenla.

Artigos relacionados

Back to top button