OurenseÚltima hora

Ourense promociónase en Madrid como destino de outono

O Concello presenta na Casa de Galicia a campaña turística “Ourense, un plan perfecto”
A campaña foi presentada en Madrid por ser a cidade que máis turistas rexistra en Ourense.
A campaña foi presentada en Madrid por ser a cidade que máis turistas rexistra en Ourense.

A Casa de Galicia en Madrid foi o escenario elixido na mañá do luns 24 para a presentación da campaña turística “Ourense, un plan perfecto”. O Concello ourensán escolleu este escenario para promocionar a cidade das Burgas como destino turístico “ideal” de outono. Para facer esta presentación, desprazouse até a capital o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, xunto co concelleiro de Turismo, Jorge Pumar. Alí puxeron en valor eventos como o Festival de Cine, o Concurso de Pinchos “Sabores de Ourense”, o Samaín, os Magostos ou os recursos termais, patrimoniais, culturais e comerciais da cidade ourensá. No acto tamén estivo presente o delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega.

A campaña “Ourense, un plan perfecto” trasladouse a Madrid para mobilizar a “gran fonte de turistas de escapada da cidade”. “Dos 16.260 turistas rexistrados na nosa Oficina Municipal de Turismo durante o pasado ano, 3.701 procedían da capital de España”, explicou o rexedor ourensán durante a presentación. Tamén se mostrou o spot promocional, que contribuirá á difusión de Ourense como destino turístico de outono xunto coa promoción da cidade en mupis de Ponferrada, Santiago, A Coruña, León e a propia Madrid. Ademais, do 27 de outubro ao 9 de novembro, os billetes de tren de Madrid a Ourense terán un desconto do 30%, grazas a un acordo entre o Concello e Renfe.

Artigos relacionados

Back to top button