En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Ourense reafírmase como a capital do viño coa “I Semana Vitivinícola de Galicia”

Nestas xornadas, cuxo obxectivo é achegar a cultura do viño á xente, contarán con relatorios, experiencias de cata, cursos para profesionais e afeccionados, e con poñentes de excepción

A I Semana Vitivinícola de Galicia quedou hoxe, 5 de xuño, inaugurada. O acto tivo lugar no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” e nel estiveron representadas as diferentes institucións públicas, así como as catro Denominacións de Orixe ourensás, Expourense e a Indicación Xeográfica Protexida do Morrazo, entre outros.

O acto arrancou coa benvida do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez. Tras el, foi a quenda do director da EVEGA (Estación Vitivinícola e Enoloxía de Galicia), entidade organizadora, Juan Manuel Casares. No seu discurso asegurou que este evento “é froito de tres anos de traballo”. Juan Manuel Casares fixo un repaso polos logros dende que tomou o cargo. Asemade, fixo referencia a aposta pola “actividade investigadora e ao I+D”, por parte da institución. Tamén anunciou o programa “EVEGA 2020, un compromiso co noso rural” xa que “a viticultura é un piar fundamental da economía de Galicia e, co obxectivo da Xunta de potencialo, EVEGA continuará investigando para xerar oportunidades reais co mundo rural”, asegurou. Sobre a I Semana do Viño asegurou que é un xeito de “achegar esta cultura á sociedade galega” ademais de que nos vindeiros días, contou, “encontrarémonos cos nosos irmáns de Portugal, coñeceremos o papel do viño na cultura galega…”.

En total máis de 4o investigadores, 32 poñentes, 24 entidades colaboradoras galegas e a nivel nacional, sete consellos reguladores, expertos galegos e lusos, consultores ingleses… estes son todos os ingredientes que nos vindeiros días, até o 8 de xuño, formarán esta I Semana Vitivinícola do Viño.

A Directora Xeral de Gandeiría, Agricultura e Industrias Agroalimentaria, Belén Docampo, dixo que “é un pracer comprobar cada día a evolución deste sector, a pesar dos desatinos”, dixo referíndose ás xeadas que meses anteriores destrozaron as colleitas ourensás. Asegurou que este sector “tan arraigado nos costumes rurais” é capaz de xuntar “calidade e cantidade”. A Directora Xeral aproveitou a ocasión para “animar aos que dependan economicamente da uva” a contratar seguros agrarios “como garante”. Dende a Xunta, dixo, “mantemos o compromiso, xa que son preto de 4,7 millóns de euros que este ano se reservan para este fin”, dixo.

Pola súa parte, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, salientou que non se pode concibir “unha provincia de Ourense sen viño”. O xefe do executivo provincial lembrou que dende a institución que dirixe e xunto á Confederación de Empresarios de Ourense, “estamos a levar a cabo un programa de internacionalización do sector” e lembrou as misións norteamericanas, a xaponesa e a chinesa que se interesaron en mercar o produto da zona.

Queda así, por tanto, inaugurada a “I Semana Vitivinícola de Galicia” que reafirma a Ourense como a capital do viño de Galicia.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button