OurenseÚltima hora

Ourense, referente nacional en termalismo coa aprobación do “Plan Termal”

A Conferencia Sectorial de Turismo aprobaba hoxe Plan de Sustentabilidade Turística

Balneario de Laias (Cenlle), un dos existentes na provincia de Ourense.

 

A Conferencia Sectorial de Turismo, presidida polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, vén de refrendar a aprobación do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino “Ourense Termal”. Para o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, isto supón un “avance fundamental para a nosa riqueza termal”.

Este Plan sintetiza unha estratexia para xerar competitividade nos municipios termais rurais da provincia de Ourense, sendo un dos 23 proxectos elixidos de entre as 301 candidaturas presentadas e a única delas coa singularidade termal. Prevé unha dotación de máis de tres millóns de euros a executar entre as anualidades 2022-2024, co cofinanciamento do Ministerio, Turismo de Galicia e a Deputación de Ourense. Destes, aproximadamente dous millóns de euros destinaríanse a infraestruturas, servizos e dotación de equipamentos que permitan presentar unha oferta turística innovadora e sostible, e realizar as captacións hidroxeolóxicas orientadas a novos investimentos no futuro.

Valoración tamén moi positiva dende a Xunta. O delegado territorial en Ourense, Gabriel Alén, considera “permitiranos situar á nosa provincia á vangarda das iniciativas termais”, afirma Manuel Baltar, quen salienta, tamén como presidente da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais, que este investimento “ofrecerá desde Ourense unha oferta singular e competitiva cos grandes territorios europeos do termalismo”.

Para Alén esta concesión que “é unha boa noticia, pero é unha mágoa que esta decisión non chegara moito antes”. O obxectivo deste Plan de Sustentabilidade Turística pasa por reforzar a confianza do viaxeiro e fomentar a comarca como destino seguro, especialmente tras o impacto da pandemia en todo o territorio nacional, “e cremos que agora todos aqueles que viven do turismo non poderán beneficiarse deste proxecto tal e como estaba pensado nun primeiro momento”.

Cinco eixos programáticos

As diferentes actuacións do plan están distribuídas en cinco eixos programáticos en liña coa Estratexia Española de Desenvolvemento Turístico Sostible e estrutúranse entorno a: gobernanza colaborativa, crecemento sostible, transformación competitiva, dotación de espazos turísticos e capacitación profesional, así como desenvolvemento e promoción de produtos turísticos termais innovadores.

Este novo gran proxecto, “Ourense Termal”, co enfoque da sustentabilidade, “permitirá avanzar na estratexia de posicionamento único que a provincia de Ourense ten en España como destino termal, á vez que continuar liderando internacionalmente a cooperación en “intelixencia turística” a través da creación do Observatorio Mundial do Termalismo, que se enmarca dentro desta planificación”, afirma o presidente Baltar, quen desde a súa Presidencia do Foro Termal do Eixo Atlántico apunta tamén o reforzamento que o Plan “Ourense Termal” suporá para o fluxo turístico entre Ourense e o Norte de Portugal “que se verá notablemente incrementado”.

Precisamente, foi en marzo pasado cando Deputación de Ourense e Xunta acordaron reactivar a candidatura do plan “Ourense, a provincia termal” á convocatoria dos programas de sustentabilidade turística que a Secretaría de Estado de Turismo que hoxe culmina este primeiro percorrido con éxito. “O termalismo, ademais de auga e saúde, está chamado a ser un polo de atracción turística estratéxico para a nosa provincia”, expresa Manuel Baltar, quen avanza que coa mellora das condicións sanitarias “imos asistir a un rexurdimento da actividade turística”.

Baltar salienta que a Deputación vén de traballar coa Xunta de Galicia no ámbito termal desde 2014, a través dun plan de actuación no que xa están executadas o 75 % das accións previstas, “o que demostra que a cooperación está no noso ADN porque creemos que esa sinerxia entre administracións é básica”, dixo, remarcando que a colaboración entre Deputación e Xunta “é un piar fundamental”, lembrando actuacións como o plan de termalismo social, os investimentos en infraestruturas termais -entre eles os traballos de posta a punto do balneario novo de Berán-, ou a mellora dos servizos que se prestan nas instalacións balnearias aos usuarios.

No plan “Ourense Termal” tería cabida tamén o futuro gran hotel balneario de Ourense, “a infraestrutura que precisamos para que a cidade teña a plena condición de capital termal, e estou convencido de que no Pazo Provincial atoparemos o caudal termal suficiente para converter este edificio nun balneario de referencia en Europa”, afirma Baltar, quen lembra que xa está encargado o anteproxecto das instalacións e que se están a manter contactos con investidores privados interesados nesta infraestrutura.

Artigos relacionados

Back to top button