CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Ourense será a sede, en 2019, da Olimpíada Matemática Española

José Luis Díaz Barrero, Manuel Baltar e Oscar Rivero.

Ourense será a sede, en marzo de 2019, da “Olimpíada Matemática Española”, un concurso que se celebra anualmente e no que compiten os mellores estudantes de ESO e Bacharelato de España nesta materia. A Deputación de Ourense colaborará con este evento, segundo llo confirmou o presidente da institución provincial, Manuel Baltar, ao representante da Real Sociedade Matemática Española (RSME), José Luis Díaz-Barrero, e a Óscar Rivero, o ourensán campión da Olimpíada española e medallas de prata e bronce nas olimpíadas europea e iberoamericana, na xuntanza que mantiveron hoxe, 30 de maio, no Pazo Provincial.

Este evento, organizado cada ano desde 1964 pola RSME en colaboración co Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, realízase seguindo o modelo que se aplica en todo o mundo para este concurso e xoga un papel de grande relevancia na detección e formación de xóvenes talentos en matemáticas. Manuel Baltar afirma que cooperar desde a Deputación de Ourense “para formar e promover os valores que acredita o ensino e as súas disciplinas científicas, humanísticas, culturais e sociais é un labor que temos que seguir impulsando e potenciando a prol da nosa mocidade”.

Na Olimpíada Matemática participan estudantes de Bacharelato, e co aval do profesor tamén o poden facer alumnos dos últimos cursos de ESO. A Olimpíada consta dunha primeira fase local, na que participan uns 2.500 estudantes de todas as provincias, e unha fase autonómica, que determina os participantes na fase final. As probas consisten na resolución de seis problemas, repartidos en dúas sesións de tres horas e media de duración cada unha. A duración do concurso é de tres días.

 

Artigos relacionados

Back to top button