EconomíaEconomíaÚltima hora

Ourense súmase á “declaración de Bruxelas” na que os gobernos provinciais europeos piden apoios para o rural

Esta declaración tamén contempla a integración da mocidade no mercado laboral; impulsar a dixitalización administrativa ou as políticas contra o despoboamento, entre outros
Manuel Baltar presidiu a xuntanza de “Partenalia” en Bruxelas.

Os presidentes dos gobernos provinciais reuníronse hoxe, 29 de marzo, en Bruxelas no cumio “Partenalia”. Devandita xuntanza estivo presidida polo xefe do goberno provincial ourensán, Manuel Baltar. Nesta xuntanza, os diferentes presidentes dos executivos provinciais europeos integrados en “Partenalia” asinaron a “Declaración de Bruxelas”, un documento no que solicitan “un maior apoio ao desenvolvemento das zonas rurais, co fin de garantir o reparto territorial máis equitativo dos recursos da Unión Europea”.

A través desta sinatura, os presidentes solicitan tamén maiores avances na innovación da xestión pública para, din, “simplificar procesos” e “impulsar a dixitalización nos trámites administrativos “, co fin de reducir o peso da burocracia e facer máis doadas para o cidadán as súas xestións diante das administracións.

A declaración destaca tamén a necesidade de promover a cooperación territorial entre áreas urbanas e rurais, zonas costeiras e de montaña, e entre as autoridades locais, para potenciar e priorizar “os programas de investimento rexional”, tendo en conta os novos retos sociais e a cohesión territorial, con especial incidencia nos ámbitos da integración da mocidade no mercado laboral; a loita contra a exclusión; a innovación social; as políticas contra o despoboamento e a extensión das tecnoloxías dixitais na xestión pública entre administración e cidadáns.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, como vicepresidente de “Partenalia”, avogou por intensificar a cooperación e a innovación, “reivindicando o peso do territorio e facendo compatible este discurso co das persoas”. Asemade, Baltar propuxo que Ourense acolla un Consello Político Extraordinario de “Partenalia”, ao que convidou aos seus homólogos europeos para afondar, entre outros temas, as oportunidades que ofrecerá para as provincias da UE o Consello Europeo de Economía Sostible.

Foto de familia dos diferentes presidentes integrantes de “Partenalia”.

Artigos relacionados

Back to top button